Aberta a matrícula para unha nova edición dos Encontros Álvaro Cunqueiro

La Voz

MONDOÑEDO

Imaxe da edición anterior dos Encontros Álvaro Cunqueiro
Imaxe da edición anterior dos Encontros Álvaro Cunqueiro PEPA LOSADA

A edición do 2024 será os días 6 e 7 de xullo en Mondoñedo

25 may 2024 . Actualizado a las 09:34 h.

Os Encontros Álvaro Cunqueiro, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela (USC) coa colaboración do Concello de Mondoñedo e a Casa Museo do autor, cumprirán o 6 e o 7 de xullo a súa terceira edición.

A cita, baixo a dirección de Armando Requeixo, «contará coa presenza de grandes estudosos do mundo de Cunqueiro, que nos achegarán diversos aspectos da súa obra, continuando a liña amosada nas dúas edicións previas», sinala a organización.

Está aberto o prazo de matrícula, que se pode realizar tanto no Campus de Santiago como no de Lugo. O prazo estenderase ata o 21 de xuño. Informan nos teléfonos 881.811.018 e 881.811.103 (de Santiago) ou 982.821.513 (de Lugo) e no e-mail cursosdeveran@usc.gal.

Xesús Alonso Montero; Tamara Andrés e Marcos Calveiro; Marcelino Agís Villaverde e Rocío Carolo Tosar; César Cunqueiro, Cristina Fiaño e Claudio Rodríguez Fer; Lois Alcayde Dans e María Xosé Porteiro; Carmen Blanco e Malores Villanueva; e Inma López Silva participarán como poñentes, ademais de Requeixo.

«O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro queren convidar a que se matriculen e participen neste curso de verán a todos e todas os Cunqueirófilos, pois ben seguro que gozarán do mesmo ao achegarse e coñecer, un pouco máis, a este noso mindoniense universal», sinalan.