![](https://img.lavdg.com/sc/6Ee2okUJ7zuo0GZWV4IfeLjPAxA=/480x/2024/08/12/00121723485721722615327/Foto/B_20240812_192418000.jpg)
En Galicia foron os que protexeron todos os Camiños de Santiago
13 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O sábado pasado fun nomeado Cabaleiro Honorífico do Camiño do Norte, dentro da Orde dos Templarios, diante da catedral de Mondoñedo. Unha honra que alguén considerara que tiña merecida, e que como sempre, son o último en coñecer os motivos.
Si sei que lle foi outorgado noutros anos a esas persoas boas e xenerosas que dedican a súa vida aos demais, ao altruísmo que os leva a facer cousas para mellorar a vida das persoas, para mellorar o noso legado e para estar diante das administracións reclamando cuestións que non son atendidas.
Quizais nesta liña, o feito de presidir a máis prestixiosa asociación para a defensa do patrimonio, de liderar unha federación na que centos de persoas engalanan as rúas con alfombras florais para o pobo, ou presidir unha rede internacional que tenta manter o vínculo afectivo cos nosos hórreos, darlle valor e visibilidade e investigar novos xeitos de utilizalos, sexa un alicerce para tan alta distinción.
Os cabaleiros templarios nacen no ano 1118 como un corpo de protección dos peregrinos a Terra Santa, e que foron custodios dos camiños aos lugares sagrados, fronte aos bandidos e delincuentes que trataban de atacalos.
En Galicia, os templarios foron os que protexeron todos os Camiños de Santiago, e no meu caso, foi o Camiño do Norte o que me outorgou tal distinción, talvez polas miñas andanzas culturais pola Galicia do norte, a chamada Terceira Bretaña por Ramón Loureiro Calvo. Andanzas por Mondoñedo, Ferrol, Vilalba, Ribadeo ou Burela, lugares nos que teño deixado a miña pegada. É toda unha honra para min.