Mondoñedo rehabilitará dous inmobles no seu conxunto histórico co plan Rexurbe

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

JM ALVEZ / XUNTA GALICIA

Van rehabilitarse catro vivendas e un local para artistas na rúa Álvaro Cunqueiro, cun investimento que superará os 725.000 euros

31 oct 2024 . Actualizado a las 18:50 h.

O Concello de Mondoñedo segue avanzando no programa Rexurbe outorgando dúas licencias máis ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a rehabilitación de dous inmobles no seu conxunto histórico, concretamente na rúa Álvaro Cunqueiro, que une o barrio dos Muíños coa praza da Catedral e que é unha zona “moi necesitada de intervención en rehabilitación”, tal como destacan desde o propio concello.

O investimento para o proxecto de rehabilitación dos edificios para habilitar catro vivendas e un local para artistas supera os 725.000 euros.

As dúas edificacións que serán obxecto de mellora están situadas nos números 12 e 34 da rúa Álvaro Cunqueiro, que se inclúe dentro do Conxunto Histórico de Mondoñedo e no trazado do Camiño Norte, declarado Ben de Interese Cultural.

Os inmobles foran adquiridos pola Xunta de Galicia no marco do programa Rexurbe, mediante o que merca inmobles en conxuntos históricos para a súa posterior rehabilitación como vivendas de réxime de alugueiro social, tal como lembran desde o Concello de Mondoñedo.