Ortiga, Cool Nenas, Terbutalina, De Ninghures, Brassica Rapa e Duendeneta, no Festival Breason de Mondoñedo, festa e todo de balde

La Voz MONDOÑEDO / LA VOZ

MONDOÑEDO

O evento, que incluirá un magosto popular, obradoiros e unha cata de vermú, convertirá á cidade no epicentro da cultura e a música galega

31 oct 2024 . Actualizado a las 18:50 h.

Mondoñedo converterase o próximo día 9 de novembro no epicentro da cultura e a música galega para todas as idades coa celebración do Festival Breason, organizado pola Asociación Xuvenil Xoldra, con entrada de balde. O evento incluirá unha mestura de música en direto, obradoiros artesanais e actividades tradicionais coa que se aspira a facer que o día 9 de novembro sexa unha xornada inesquecible para veciños e visitantes. A elo contribuirán algúns dos grupos máis relevantes da escena musical galega, como Ortiga, Cool Nenas, Terbutalina, De Ninghures, Brassica Rapa e Duendeneta. O festival será tamén o escenario da posta en escena da formación local infantil Meniñas da Mariña.

O acto previo á xornada principal, o venres 8, contará coa actuación a modo de acto inaugural da actuación da Banda Municipal de Música Pascual Veiga, as 21.00 horas, nunha clara aposta pola música local que terá lugar, ao igual que o resto dos concertos, na praza da catedral. Ademais da música, o festival ofrecerá unha ampla gama de actividades que porán en valor os diferentes espazos e a historia mindoniense. Entre elas, as persoas asistentes poderán gozar dun magosto popular, con castañas asadas, viño e chocolate de balde. Tamén haberá obradoiros de títeres, cantería e olería, brindando a oportunidade de aprender e participar en oficios tradicionais. Estas actividades terán lugar no Barrio dos Muíños. Para os amantes da gastronomía, organizarase unha cata de vermú Arnao, cunha maridaxe en colaboración coa Taberna Galiana.