Quita un 10 nunha investigación sobre a influencia do Modelo Burela e a súa xestión da diversidade

O VALADOURO

Pedro López Morillo, coa súa titora
Pedro López Morillo, coa súa titora CEDIDA

Pedro López Morillo, tradutor do Valadouro, obtivo a máxima puntuación no seu Traballo de Fin de Mestrado (TFM)

24 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Pedro López Morillo (Monforte de Lemos, 2001) dise un namorado da Mariña, a onde chegou con dez anos, e por iso quixo dedicar o seu Traballo de Fin de Mestrado (TFM) a un proxecto «made in» a comarca, o Modelo Burela do IES Perdouro. Unha iniciativa de innovación lingüística que considera «de referencia non só en Galicia, senón tamén a nivel español», e cuxo análise lle serviu para quitar a máxima nota posible: un dez a partir dunha intervención educativa de dez.

López Morillo quere de feito que este redondo TFM —«Análise e avaliación do Modelo Burela de planificación lingüística: cara unha xestión integral da diversidade idiomática»— sexa o xerme dun doutorando un dunha investigación. A súa titora, a tamén mariñá Ana Elina Martínez Insua, cre que é boa semente para algo máis ambicioso.

«Quitar un dez é un orgullo, pero non é o que máis me enche. Isto non vai quedar aquí, porque penso que é moi importante dar a coñecer o incrible traballo que está a facer no ámbito educativo o profesorado do IES Perdouro. Eu penso que a educación pode cambiar a sociedade e este paréceme un exemplo de que con vocación no ensino hai posibilidades de conseguir moitas cousas», sinala Pedro.

O tradutor mariñao, que no pasado curso deu aulas nos campus de Vigo e Ourense, da Universidade viguesa, e que traballa tamén para unha empresa de traducións xuradas, centrou o TFM no ámbito educativo e lingüístico e na xestión que se fai no IES Perdouro da variedade idiomática que ten o alumnado, «aínda que o Modelo Burela toca a outros aspectos da sociedade».

O autor do traballo fixo unha enquisa a 33 alumnos do IES Perdouro. Os resultados foron comparados cos doutras 200 consultas realizadas a galegos da sociedade xeral, de distintas zonas e con diferentes idades. O obxectivo? «Comparar o papel que teñen as linguas nunha vila multicultural como Burela en relación co resto de Galicia», explica.

Nas enquisas, realizadas «tanto en zonas rurais do interior galego como nas cidades meirandes, como na Coruña ou Vigo, de xeito que servise como unha representación de toda Galicia», o autor do TFM preguntaba aos participantes por cuestións como o uso do galego, a integración dos estudantes ou o respecto por outras culturas.

«Os datos son espectaculares en todo o relacionado coa normalización lingüística, a integración das comunidades migrantes, a prevención do bullying...», enumera. O 97 % do alumnado, por exemplo, considera que hai «unha cohesión social importante» entre as diferentes comunidades que hai no centro educativo, 17 puntos máis que a media de Galicia. Esta cifra tan alta chama máis a atención se cabe pola importancia que ten o fenómeno migratorio en Burela. «É elocuente, porque o resultado é moi superior nun ambiente no que o traballo de integración é máis esixente», conclúe.

No grao de respecto cara outras linguas e culturas, a porcentaxe elevábase en Burela case un 20 % sobre o promedio da comunidade.

«Hai unha boa parte da xuventude de Burela que ten o galego como lingua natal. As comparativas coa media galega ou con poboacións dun tamaño semellante son moi positivas. Moitos son neofalantes, mesmo xente que non ten pais galegos, que proceden de Castela ou de Asturias», razoa.

Tamén comprobou «o avance que tivo o galego en toda a sociedade, desde o cemiterio ata as tendas», o que atribúe á influencia do Modelo Burela. «Este proxecto racha con ideas preconcibidas, como que nas cidades, vilas e poboacións grandes ou densas en xeral a mocidade vai tender a falar menos galego. Aquí hai un exemplo de que iso se pode cambiar», afonda. «No ámbito da normalización lingüística tivo un éxito rotundo, dino os datos das enquisas realizadas», engade.

«O único que falta é dar a coñecer un proxecto que me parece que debe ser un referente a nivel nacional e un modelo a seguir, que demostra que a planificación lingüística é posible, e que a integración tamén», conclúe.