José Manuel Domínguez, vendedor da ONCE en Viveiro e O Vicedo: «Ningún cliente premiado me convidou aínda a unha mariscada en 13 anos aquí e dei bastantes millóns»

O VICEDO

Aproxímase o sorteo do 11 do 11, un dos que máis parecen atraer aos xogadores, cun premio de 11 millóns e once de 1 millón
10 nov 2024 . Actualizado a las 15:30 h.José Manuel Domínguez (Pino-Cospeito, 1967) camiña polas rúas viveirenses unha xornada laboral máis, cos seus cupóns do pescozo. Ainda que a proximidade do sorteo da ONCE do 11 do 11 (11 de novembro) motiva máis vendas do habitual. «É o sorteo que máis premios ten: un de 11 millóns e once de 1 millón. Realmente son doce números distintos, por iso gusta. O de once millóns que vaia para Valencia pero algún dun millonciño que caia aquí»,sinala o vendedor.
_O vendedor pode comprar para si? En caso afirmativo, xoga moito?
_Si, pode. Xogo tres números sempre... todo o ano.
_Cales son?
_Un termina en 7, outro en 5 e outro en 3.
_O número enteiro non nolo facilita...
_Non [sorrí].
_Algunha vez tocoulle algo ou pasa aquilo de 'en casa de vendedor...'?
_Algunha vez 600 euros. En casa de herrero cuchillo de palo, si que pasa.
_Ten clientes que compran o seu cupón a diario?
_Teño moitos, grazas a Deus. Aparte, a maioría das tendas en Viveiro animáronse a comprar. Se antes tiña un percorrido curto, agora case teño que parar en todos os establecementos.
_Fíxose máis famoso logo despois de repartir premios.
_Home! Sobre todo con respecto ao cupón do venres, o luns e como moito o martes está todo vendido o da semana. Estou vendendo entre 730 e 750 cupóns para ese sorteo. Por aí anda. Antes vendía 300 e pico. Agora vendo un pouco máis do doble.
_Un compañeiro seu de Ribadeo tamén se fixera famoso cando deu precisamente o suculento premio do 11 do 11.
_Ultimamente, a zona da Mariña está bastante agraciada: tocou en Burela, en Xove, en Ribadeo, en Foz, etc. Son pellizcos pequenos pero o premio burelense foi o de dous mil euros ao mes durante dez anos.
«Ultimamente, a zona da Mariña está bastante agraciada»
_Falta facía que lles tocara este ano en Valencia.
_ Falta facía que lles tocara un premio por aló! Sempre se di que nos sitios onde hai unha especie de catástrofe que hai máis posibilidade de que toquen os premios.
_Cree que é verdade a frase de que o diñeiro non dá a felicidade? Ten casos conocidos de clientes aos que lles tocara a lotaría pero non para ben?
_Totalmente! Axudará moito a ela, pero o diñeiro non a fai. Hai xente que ao mellor ten moitos cartos e está encamada ou en cadeira de rodas, non os disfruta como debe.
_Para un vendedor o nome do premiado é coma un «segredo de Estado». Iso parece.
_[Ri] Máis ou menos. Si, coñezo casos de algún cliente que máis ou menos tiña vida normal e tocoulle a lotaría, desmádrase todo e despois todo Dios é familiar del, todo Dios é amigo, e quédase ao final sen nada.
_Contabilizou o volume de cartos que puido repartir dende que é vendedor? Unha cifra estimada.
_Máis ou menos si que controlo: sobre once millóns e pico de euros. En febreiro deste ano din xa medio millón e en marzo seis millóns e algo, pero é que tamén un domingo déronse moitos artos, ou sábados de dar 20 cupóns de 200 euros, que se vai acumulando. Empezara en Monterroso dando dous premios de cen mil euros. Son vendedor da ONCE dende hai 17 anos, dos cales 13 anos levo xa repartindo entre Viveiro e O Vicedo.
_Neses 13 anos, por curiosidade, algún dos premiados o convidou a unha mariscada?
_Non.
_Ben merece un titular, a modo de indirecta.
_Non me convidaron a mariscada, estouche contando o que é. Certo de todo [ri].