Luz Pozo Garza, Filla Predilecta de Ribadeo

Pilar Otero Cabarcos

RIBADEO

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Luz Pozo Garza naceu en Ribadeo en 1922. Estudou na escola ribadense de Prieto Cussent e con 8 anos comezou a aprender piano, violín e laúde. (Estes estudos musicais deixarán unha singular pegada na súa poética). Las Riberas del Eo, La Noche , Poesía Española , Ínsula, Vida Gallega… van acollendo os seus primeiros traballos e Dionisio Gamallo Fierros convértese, en palabras da autora, no seu mentor. Con 14 anos, por mor da Guerra Civil e da persecución da que foi obxecto seu pai, inspector veterinario militante de Izquierda Republicana, trasladouse coa súa familia a Lugo e logo a Larache (Marrocos). De volta en Galiza, a familia reside en Viveiro.

Compaxinou os estudos musicais cos de Maxisterio e logo cos de Filoloxía Románica. Posteriormente desenvolveu en Vigo unha longa traxectoria de docente de lingua e literatura españolas no ensino secundario, xubilándose en 1987 no Instituto de Nigrán. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros. Promoveu tamén a creación da revista Clave Orión.

É membro da Real Academia Galega dende 1996. O seu discurso de ingreso titulouse Diálogos con Rosalía. Luz Pozo Garza é, segundo a catedrática de Filoloxía Galego-portuguesa Rosario Álvarez, «unha voz ilustre na nosa poesía desde a publicación do seu primeiro poemario en galego, O paxaro na boca (1952), que inaugurou a colección Xistral». Desde este libro até o último , Pazo de Tor, publicado 67 anos despois, Luz Pozo achega «unha poesía inzada de sensualidade profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez».

A poeta e académica, encadrada por Méndez Ferrín na Promoción de Enlace e integrante da Xeración dos 50, é autora de títulos fundamentais da poesía galega contemporánea como Concerto de outono (1981), Códice Calixtino (1986) ou Prometo a flor de loto (1992).

Intimista e intensa, de raíz rilkeana, existencialista sen estridencias patéticas, a súa obra entrou en diálogo cos clásicos gregos -Medea en Corinto (2003)- e galegos -Vida secreta de Rosalía (1996). Tamén forman a súa produción poética en galego: Ribadeo, Ribadeo (2002), As arpas de Iwerddon (2005), As vodas palatinas 2005), Deter o día cunha flor (2009) e Rosa tántrica (2016).

Cultivou tamén o xénero ensaístico nos volumes A bordo de «Barco sin luces» ou o mundo poético de Luís Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro e «Herba aquí ou acolá» (1991), Galicia ferida: a visión de Luís Seoane (1994), Diálogos con Rosalía ( 1996), Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo (1996) e Tres poetas medievais da ría de Vigo ( 1998)

A súa obra en castelán intégrana fundamentalmente: Ánfora (1948, Vigo), Cita en el viento (1962), Últimas palabras/Verbas derradeiras ( 1976) e Sol de medianoche (2013).

 Premios e distincións

Recibiu, entre outros, o Premio á Creación Feminina da Consellería de Cultura; o Miguel González Garcés (1992, e o Celanova Casa dos Poetas (2001). Foi nomeada socia de honra da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa (2001). Premio da Crítica de poesía galega no 2009. Premio Cultura Galega das Letras da Xunta no 2013. Premio Laxeiro no 2014. En 2018 déronlle o seu nome á Escola de Idiomas de Viveiro e foi nomeada filla adoptiva. Por último, en 2019 a Fundación Otero Pedrayo concedeulle o Premio Trasalba.

A brillante traxectoria desta autora fica demostrada sobradamente e que abondaría co dito até o de agora para facela merecedora de distincións por parte do noso concello.

Mais ocorre que Ribadeo non foi para Luz Pozo Garza só o lugar de nacemento. E non o foi a pesar dos escasos anos que viviu na vila. En 2001 a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega entregoulle a letra E e celebrou con ela a «Homenaxe á Escritora na súa Terra» en Ribadeo.

«Déronme a escoller o lugar onde celebrar a homenaxe -di- e sentín que tiña que ser Ribadeo. Moi preto da casa onde nacín chantouse un monólito cun poema que seleccionei do libro Vida secreta de Rosalía, aludindo, implicitamente, a Ribadeo e Viveiro, os meus dous espazos vivenciais (….) Ribadeo está moi presente nos meus poemas, sobre todo nos primeiros tempos. Está en todo, aínda que non o mencione explicitamente. Alí é onde coñecín o mar bravo e as primeiras visitas á praia coa miña nai e meu irmán vividas con moita emoción; o mar onde un día descubrín con sorpresa os golfiños saltando no horizonte. En Vida secreta de Rosalía está o mar de Ribadeo e as cunchiñas de Reinante. En Prometo a flor de loto reaparece, así como no propio título de Ribadeo, Ribadeo, un nome que elixín porque esa palabra, esta vila, está percutindo en min desde sempre».

Por todo o dito propoñemos o nomeamento da señora Luz Pozo Garza como filla predilecta de Ribadeo. Pola súa incuestionable calidade literaria e pola unión sentimental que sempre expresou polo seu concello de nacemento, que menta ademais como un dos motores da súa produción poética.

Pilar Otero é a concelleira de Cultura de Ribadeo e instrutora do expediente da declaración e Luz Pozo como Filla Predilecta de Ribadeo. Esta foi a proposta aprobada.