A vocación clara: unha rapaza de Ribadeo con 13,73 na ABAU elixe unha carreira para a que chega un aprobado

a. vázquez / j.a. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

«Téñenme preguntado moito que por que non fun por ciencias, pero a min gústame o latín»

23 jul 2020 . Actualizado a las 11:57 h.

Unha nota elevadísima, a 28 centésimas da perfección, foi a que conseguiu Amaia López, alumna do instituto Dionisio Gamallo de Ribadeo. Con ese fantástico 13,73 ten todas as carreiras ao seu alcance, pero Amaia mantense firme: quere cursar Lingua Castelá en Madrid, onde se esixe un simple aprobado para entrar.

 -Por que elixiu este grao?

-Gustoume dende sempre, teño claro dende hai anos que é o que quero estudar. E moitas veces téñenme dito que por que non vou por ciencias, «con esas notazas», pero é que a min o que me gustou dende sempre foron o latín ou a historia... e por iso me decidín por Lingua Castelá, aínda que me sobren puntos.

-Que agarda de Madrid?

-Penso que vou estar moi cómoda alí. A súa oferta cultural e de museos é enorme. Ademais, o plan de estudos da facultade é fantástico, e dáme a posibilidade de formarme en moitas linguas modernas ademais do propio castelán.

-Non sei que lle supón irse da súa terra nun momento tan estraño...

-É unha pena marchar así, non puidemos nin facer unha graduación en condicións e tiven que cancelar a viaxe de fin de curso coas amigas, pero... A ABAU, aínda que foi moi rara este ano, non cambiou en canto aos nervios, pero ao final foi unha grande experiencia, ata o pasei ben. Todo saíu ben, e por iso estou agradecida tanto á familia como ás amigas e aos amigos, e por suposto aos meus profesores.