O barco san Pedro, na igrexa de Rinlo, reflexa a devoción da xente do mar
03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Contemporáneo de Rosalía de Castro, Eleuterio Posada nacía no século XIX, alá polo ano 1830, en Rinlo (Ribadeo). Fíxoo no seo dunha familia mariñeira, como eran a maioría: os Posada, da Casa de Lavandeira. Os seus fillos, netos e bisnetos xubiláronse do mar.
Dous dos seus fillos (Leonardo e meu bisavó Benigno) dedicáronse toda a vida a ser buzos. Eran moi valorados os seus traballos en toda a zona por seren resolutivos e faceren o seu traballo con dedicación e exquisitez. Benigno tivo que deixar o seu traballo após un accidente laboral acaecido en Porcía (Asturias) cando sacaba un barco. Nel perdeu unha perna e nunca máis puido traballar no que tanto o apaixonaba: o buceo. Cando foi avó -tiña cinco netos da casa-, como non podía axudar nas labores da Gaviota, a lancha da familia, nin tampouco nos labradíos, a mellor maneira de colaborar era tendo conta dos seus netos. Eran moitos para el e o mellor xeito de controlalos era paseándoos metidos nun carriño con rodas tirado dunha corda que el mesmo lles fixo, así non escapaban, non había perigo.
Á súa vez, dous dos seus netos, Antonio e Eleuterio, foron mariñeiros. Antonio, meu avó (Antoño de Lavandeira), seguiu coa lancha e nela se xubilou.
Dos seus bisnetos da casa, tres eran homes e enfilaron a súa vida mirando para o mar: José e Queitán (meu pai) seguiron coa lancha da casa ata que buscaron prosperar e embarcaron na mercante, en petroleiros; o neto máis novo, Benigno, estudaba na Escola Superior de Náutica da Coruña e titulouse como Maquinista Naval Xefe para despois desempeñar o seu traballo, ao igual ca seus irmáns, na mercante. Os tres xubiláronse en Campsa.
Perigo de naufraxio e promesa
O vello Eleuterio Posada -o da etapa de Rexurdimento- traballaba nun cargueiro de cabotaxe e facía longas viaxes. Nunha delas, cando tiña arredor de corenta anos, o barco e a tripulación víronse sorprendidos por un gran temporal sen poderen atopar abrigo. Loitaron co vento, coa auga e cos golpes de mar; non eran homes a enderezar a situación na que se viron envolvidos. Xa case rendido á sorte que se lle viña, Eleuterio - home de moita fe- ergueu os ollos ao ceo e implorou a san Pedro, patrón de Rinlo e mariñeiro coma eles. Pedíulle que os puxese a salvo daquela desgrazada sorte e lles axudase a gobernar a nave levándoos a porto seguro.
En pago de gratitude, ofreceulle ao santo o exvoto dun barco semellante a aquel en que navegaban. Estaría feito coas súas mans e cada 29 de xuño sería sacado na procesión da festa patronal.
Non sei se foi san Pedro ou foi obra do destino mais o cargueiro e toda a tripulación saíron indemnes do que aquel día puido ser unha catástrofe.
O san Pedro negro
Eleuterio Posada, home cumpridor e de palabra, no ano 1871 entregou o exvoto na igrexa e desde aquela o patrón navegou sobre un auténtico mar de xente en procesión mandando o barco que lle ofrendara meu tataravó.
O san Pedro que patroneaba aquel barco era o que estaba no altar maior da igrexa vella de Rinlo (onde hoxe se ubica o Parque Santa Catalina). Como a devoción daquela xente era moita e ardían decenas e decenas de velas todos os días do ano, aquel fume provocou que «o san Pedriño» policromado do século XIX se volvese negro. Os que nunca o víramos doutra cor pensamos sempre que era así de orixe e por iso lle chamábamos «O san Pedro Negro».
Esquecemento e restauración do exvoto
Pasados os anos, o barco non tivo mantemento e coidados necesarios e foise botando a perder. Xunto con el, o santo «negro» fíxolle compañía. Ambos acabaron abandonados e crebados nun cuarto anexo ao coro con serio risco de morreren no esquecemento...
Nunha reunión familiar celebrada no final do ano 2001, cando nos contaban as vidas dos antergos para nos recordaren aos máis novos de onde vimos e quen somos, reapareceu a historia do tataravó e o seu barco. Como na nosa familia temos moito apego aos nosos e ao noso, a Rinlo e ao seu mar que nos deu sempre de comer, pareceunos inxusto que o barco e o «carpinteiro-armador» non tivesen o lugar e respecto que merecían. Foi así como no maxín dos bisnetos de Eleuterio (José, Queitán e Benigno) xurdiu a idea de restauraren o seu legado.
Primeiro recuperouse o barco do local en que caera en desleixo e procedeuse á súa restauración. Só quedaba daquela xoia a base que facía de paso das andas e o esqueleto da embarcación. Unhas mans coidadosas limpárona e desbotaron o que non servía. Fixeron de forma fidedigna -á man e con todo o agarimo- cada peza minúscula, cada un dos tres mastros (trinquete, maior e mesana) e perchas, o bauprés, as velas de tea antiga e todo o aparello do velame en fío de algodón. Aquelas mesmas mans pintaron o barco e volveron a colocarlle o seu nome orixinal: «san Pedro». Como remate, colocouse de novo o «santo Negro», mais agora xa restaurado e coa súa policromía orixinal.
Colocouse de novo no templo o 19 de marzo de 2002, unha data sinalada por ser o Día do Pai e como homenaxe aos nosos proxenitores desde Eleuterio ata os seus bisnetos.
Agora permanece exposto á entrada da igrexa coa proa cara ao altar. Debaixo unha placa indica quen o fixo, quen o restaurou e as datas en que se fixo a restauración e se repuxo en público.
Século e medio despois de ser feito e dezaoito anos despois de ser restaurado, quero que este escrito sirva de humilde homenaxe á comunidade mariñeira de Rinlo, á cal pertence toda a familia de Eleuterio Posada da Casa de Lavandeira.