Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O agro galego perde ao estradense José Recimil

a. Mínguez A ESTRADA / LA VOZ

RIBADEO

PENOUCOS

20 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

José Recimil Tábora, nado na parroquia de Curantes da Estrada en 1929, faleceu este sábado deixando orfo o agro galego. Home próximo e polifacético, foi responsable de Zeltia en Ourense antes de aprobar a oposición para percorrer Galicia, dende 1962, polas oficinas do entón Servizo de Extensión Agraria (SEA) de Ribadeo, Ordes, Carballo, Monterroso e Mondoñedo e rematar como xefe provincial de Lugo. Tamén foi durante un tempo xefe provincial de Extensión Agraria en Ourense. A súa xubilación como xefe do SEA na capital lucense foi en 1994, despois de percorrer miles de aldeas da provincia, como contaba a La Voz nunha entrevista en xaneiro de 1995.

Gran conversador, nunca tiña présa por rematar un encontro. Militou na UCD e foi parlamentario na primeira lexislatura en substitución de Flora Veiga pola provincia de Lugo. Despois estivo en Coalición Galega, onde non tivo representación institucional, e rematou no Partido Popular, formación política da que en 1995 foi parlamentario en substitución de Nazario Pin, igualmente pola provincia de Lugo.

Tamén foi presidente da asociación micolóxica A Muiñeira de Sarria. Organizou durante moitos anos actividades relacionadas co mundo dos fungos para dalos a coñecer nunha Galicia micófoba. Era unha persoa moi sociable, que desfrutaba percorrendo todos os recunchos galegos. Divulgador das novas técnicas do medio rural, deixa un fondo pesar entre os seus compañeiros de Extensión Agraria nas catro provincias galegas e no colectivo de amantes da micoloxía de Galicia. O funeral no seu recordo terá lugar o vindeiro luns na localidade de Sarria, onde residía.