«O xoves recolléronnos 7.100 litros de leite, pero o sábado non se sabe que vai pasar»

l.r. RIBADEO / LA VOZ

RIBADEO

Fran Castro tivo que tirar o sábado pasado 7.000 litros de leite
Fran Castro tivo que tirar o sábado pasado 7.000 litros de leite josé alonso

Fran Castro, xerente da explotación Alambreros, S.C., da Devesa, en Ribadeo, analiza o estado do paro do transporte

25 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O paro do transporte continúa provocando moita inestabilidade e incertezas en diferentes sectores da Mariña coma o gandeiro. Fran Castro, xerente da explotación Alambreros, S.C., situada na Devesa, no concello de Ribadeo, puido dar saída este xoves ó leite que tiña acumulado nos tanques logo de ter que tirar 7.000 litros o pasado sábado debido á falta de transporte. «Hoxe [por onte] recolléronnos 7.100 litros de leite, pero o sábado non se sabe que vai pasar», indicou o gandeiro, que vende a Lactalis. Segundo abundou, gandeiros da zona de Ribadeo e Barreiros enviaron onte miles de litros de leite grazas «a unha especie de corredores que se fixeron para sacar o leite e traer penso para os animais». «Veu o leiteiro de sempre e foi o que nos explicou», engadiu Castro, cuxa gandeiría ten noventa vacas. «É certo que quedei aliviado, pero sigo moi preocupado porque vemos que hoxe [por onte] si nos recolleron o leite pero isto non colle aínda camiño...», reflexionou sobre unha posible solución definitiva a un paro patronal motivado polo fortísimo encarecemento dos carburantes como consecuencia da guerra de Ucraína.

Sen gasóil a domicilio

«Outra cousa que está pasando é que non serven gasóil a domicilio, aínda que imos amañando porque o podemos ir buscar nós», sinalou Castro, que destaca que por agora non tiveron falta de penso para os animais posto que a antiga cooperativa Os Irmandiños (actual Clun) continúa abastecendo a todos os socios dos subministros que precisan.