As Catedrais xa ten o seu turrón, da man de Chocolates Moreno: «Ogallá poida identificar a Ribadeo»
RIBADEO
A marca recibirá o martes da Agacal o diploma de chocolatería artesá
07 nov 2022 . Actualizado a las 21:38 h.María José Ríos recibirá o vindeiro martes, ás 16.00 horas, o diploma que acredita a Chocolates Moreno, a emblemática marca de Ribadeo, como chocolatería artesá. Nese mesmo acto presentará o Turrón de As Catedrais, unha nova creación na que puxo tanto, asegura, que para ela «é como un fillo». Lucirá orgulloso o nome dunha das praias máis singulares e belas de Europa.
—O martes será un día grande para Chocolates Moreno.
—A verdade é que si. Imos recibir o diploma de chocolatería artesá da man da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Que teñan o detalle de entregarme este recoñecemento en persoa é un orgullo moi grande. E tamén imos presentar o novo turrón, que nos fai moita ilusión.
—Que requisitos hai que reunir para acadar ese diploma?
—Hai que reunir unha serie de características. Esíxesenos seguir a mesma normativa respecto á trazabilidade e seguimento dos produtos que se lles aplica ás iniciativas industriais. Ademais, temos que demostrar que materias primas utilizamos, sen aditivos artificiais. Pídesenos facer as cousas do xeito máis natural, como se facían hai 80 anos, pero cumprindo os requisitos sanitarios, o que é importantísimo.
—Que significa para vostede este recoñecemento como produtora artesá?
—É un orgullo, e no primeiro en que penso é que non sería posible acadalo sen o traballo de meu pai, Fernando, durante toda unha vida. Paréceme que agora estou recollendo os froitos do seu traballo. El traballaba cunha gran esixencia, e cando nós empezamos tiñamos un terreo gañado moi importante. Pola nosa parte tentamos facer as cousas como el as facía, con materia prima de calidade, cun trato exquisito ao produto... Traballamos con cariño, gústanos o que facemos e por iso o facemos.
—Destaca que Chocolates Moreno mantén clientes que xa lle compraban a seu pai.
—Así é. Esa fidelidade é agora moito máis difícil de lograr. En moitas feiras, cando escoitan o nome de Chocolates Moreno, saben de quen se fala. O traballo de meu pai abreunos moitas portas, con esforzo e sen a presenza dos medios de comunicación que hai agora, só co boca a boca. Por iso estou moi orgullosa de seguir manténdoo.
—Que se pode saber dese novo turrón?
—Hai sete anos abrín Bombones Moreno, e o noso produto estrela son as Rocas de As Catedrais. Xa levaba tempo traballando nun Turrón das Catedrais. As expectativas son altas, porque me gustaría que estes doces fosen identificativos da vila de Ribadeo. Estou moi contenta do que resultado obtivemos e teño moitas esperanzas nel. A materia prima será similar ao das Rocas de As Catedrais, e terá tamén un toque crocante, pero terá unha cremosidade especial. Sairá á venda cun envase especial e un custo de dez euros. Poderase atopar en moitos establecementos e tamén na web.
—Vostede leva facendo turróns dous anos, e ten xa unha gama ampla.
—Están tendo moito éxito e estamos moi contentos con eles. Un deles é de licor café, que é un sabor que se identifica con Galicia. Fago tamén un de améndoa, canela e limón; outro de chocolate negro, con pasta de abelá; outro de xixona con xenxibre; outro de pistacho con cacahuete e flor de sal; un almendrado que lembra aos xeados de vainilla; un crocante de abelá, con arroz; e un sen azucre e outro sen proteína do leite.
—Cada vez hai máis demanda de produtos doces para persoas con intolerancias ou alerxias.
—Teño unha cliente que ten unha nena alérxica á proteína do leite.Daquela, esa nena consumía os produtos que facemos sen leite, pero nunca probara o turrón. A nai contaba que foi emocionante, porque cando o saboreou por primeira vez dixo que nunca comera nada tan especial como o turrón. Ten esa textura que lle resultaba distinta ao resto das cousas.