Convidamos a toda a veciñanza da Mariña a participar na manifestación do 8 de marzo en Ribadeo, que terá a saída ás 20:00h. desde o aparcadoiro público situado cerca do IES Dionisio Gamallo. Inundaremos as rúas de Ribadeo de feminismo porque é imprescindible e urxente. Non permitiremos que a desigualdade siga sendo a música de fondo nas nosas vidas. É por iso que, entre moitas outras, estas serán as nosas reivindicacións principais este 8M:
- Vidas libres de violencias machistas, estamos fartas da cultura da violación que nos carga de culpa e da masculinidade heteronormativa que nos agrede e asasina.
- Dereitos sexuais e reprodutivos garantidos e un sistema de saúde con perspectiva de xénero e sen violencia obstétrica.
- Valoración social do noso ciclo de vida, desde a infancia ata a vellez.
- Dereitos para maternar con dignidade, ampliación e universalización dos permisos de nacemento.
- Vidas con autonomía económica, empregos, salarios e pensións equitativas e xustas.
- Vidas plenas, onde a diversidade dos corpos estea por riba das ditaduras estéticas.
- Vidas completas, onde a corresponsabilidade integral e real nos coidados sexa piar no desenvolvemento económico e social.
- Programas de coeducación, de acompañamento emocional e de desenvolvemento afectivo-sexual en todas as etapas educativas.
- Vilas e cidades inclusivas e sen barreiras desde unha perspectiva integral, que incorporen as necesidades do ámbito social, dos coidados así como de persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade.
- Un sistema xudicial que basee a súa actuación nos principios de seguridade e protección e no que a formación en xénero se incorpore de forma obrigada para garantir a correcta interpretación e aplicación da xustiza.
Alentamos a todas as mulleres a acudir á manifestación para encher as rúas de Ribadeo de reivindicacións feministas así mesmo, pedimos que se respecte o espazo non mixto de mulleres na cabeceira da manifestación xa que os homes que queiran apoiar a causa deben facelo desde un lugar secundario, nunca como protagonistas.