Camilo Vázquez: «Nos primeiros auxilios aos nenos cométense moitos erros, como provocarlles o vómito»
RIBADEO
O técnico de emerxencias e enfermeiro ribadense imparte este mes na Uned de Foz un curso de soporte vital pediátrico
04 mar 2024 . Actualizado a las 14:45 h.Unhas 80 persoas seguen —presencialmente ou en internet— o curso de primeiros auxilios pediátricos que o técnico de emerxencias e enfermeiro ribadense Camilo Vázquez está a impartir este mes na aula universitaria de Foz da Universidad Nacional de Educación a Distancia (Uned). O grao de participación amosa o interese e que saber actuar ante calquera percance que padezan os nenos continúa a ser na sociedade unha materia na que mellorar.
—Como xorde esta formación?
—Hai uns meses que contactaron comigo da Uned. Estaban interesados neste curso, porque é moi específico pero ofértase en moi poucos sitios. Eles buscaban unha formación que fose homoxénea e que servise tanto para a xente da rúa como para os profesionais que tratan con nenos. E así é: temos familias, pero tamén moitos docentes, que amosan a súa implicación e ofrecen así máis garantías se cabe na atención dos escolares, e tamén efectivos das forzas públicas de seguridade... É unha moi boa nova porque a formación é esencial.
—Mestúranse teoría e práctica.
—Si. Abordamos o soporte vital básico pediátrico, cuestións como a obstrucción da vía áerea, convulsións e traumatismos ou hemorraxias. Nas prácticas haberá simulacións con sistemas de retroalimentación e trataremos atrangantamentos, por exemplo, e outros percances, tanto en lactantes coma en nenos.
—Falamos de crianzas, pacientes con singularidades propias.
—No curso tratamos distintas patoloxías: como actuar diante dunha convulsión, cales son os cadros máis frecuentes nos menores dun ano, como procesos febrís, ou como intervir en casos como queimaduras ou atragantamentos. E tamén abordamos a reanimación cardiopulmonar. No caso dos pequenos, como a maioría das paradas son de orixe respiratoria, é primordial comezar canto antes. O prognóstico de recuperación é así moito maior que cando a orixe da parada é coronaria.
—O auxilio a un neno é complexo para quen axuda e para quen é axudado.
—O paciente pediátrico asusta moito ao pai, familiar ou testemuña: velo pequeno e indefenso e custa dar un primeiro paso sobre o que habería menos dúbidas de tratarse dun adulto. A crianza xera ansiedade e tamén se pode poñer nerviosa, non sabe como axudar. É vital actuar con celeridade, sempre de acordo cuns fundamentos. Deste xeito aumentamos moito as probabilidades de supervivencia.
—Antes falaba dos atragantamentos, temor habitual das familias, especialmente das primeirizas.
—Así é. Estamos nun proceso de cambio, no que a pediatría está evolucionando na cuestión da alimentación dos nenos máis pequenos. Agora estílanse moito máis, en detrimento dos purés, os alimentos ben cocidos pero enteiros, en cachos pequenos, para que se acostumen canto antes a masticar. Ese beneficio pode ter a contrapartida dalgún susto, e temos que saber como actuar. Os pequenos, ademais, tenden noutros contextos a levar todo á boca e temos que estar pendentes.
—Que casos ten atendido?
—Hai semanas tivemos por urxencias a unha nena de catro anos que tragara unha pedra. Estaba xogando con seu irmán. Houbo a sorte de que o coio baixou polo tubo dixestivo, de quedarse enganchado na tráquea estariamos a falar dun perigo vital.
—Que debemos facer?
—Se é un neno pequeno, de ata un ano, hai que poñelo boca abaixo e dar cinco palmadas nas costas. Se non se soluciona así, habería que darlle a volta e facer cinco compresións abdominais. Nos pequenos de máis idade, animar a tusir e nunca dar ao principio palmadas nas costas, porque pode ser contraproducente. Se non funcionara con iso, teriamos que incorporalo cara diante, darlle cinco golpes na espalda por último, de non obter resultados, a manobra de Heimlich.
—Cales son os principais erros que cometemos?
—Un dos principais é provocar o vómito. Cando o paciente convulsiona, tamén tentar abrir a boca á forza ou tirar da lingua cara fóra. Témonos atopado mesmo que tentaron meter unha pinza da roupa ata unha ficha dun xoguete. Está moi afincado o falso mito de que quen roe ou traga a lingua vai morrer afogado.
—Hai algunha idade especialmente problemática?
—Entre os nove meses e os dous anos de vida comezan a vivir novas experiencias: comer, camiñar... E ao empezar a ser autónomos poden pasar cousas, no baño, na cociña... O primeiro eslabón da cadea de supervivencia en nenos é a prevención da parada cardíaca. Con atención e formación podemos previr moitas cousas.
—Hai algún xoguete que desaconselle?
—Os ovos de chocolate con sorpresa son perigosos, tamén os xogos xelatinosos que se poidan meter na boca. Pero non hai ningún a evitar en especial.