O actor e humorista Sergio Pazos chega con «Depende!» a Ribadeo: «Esa é a mellor resposta para moitas preguntas»

y. garcia RIBADEO \ LA VOZ

RIBADEO

CEDIDA

Sinala que lle gusta «personalizar» os seus monólogos, así que este domingo no auditorio municipal non faltarán referencias á localidade ribadense e fará unha homenaxe ás avoas

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha das citas culturais relevantes da fin de semana será o monólogo de Sergio Pazos, cun título moi identificativo da terra que o veu nacer: «Depende!» Estará en Ribadeo, no auditorio, este domingo 7, ás 20.30 horas (prezo da entrada: 10 euros).

_Un título moi axeitado ao ADN galego.

_O meu primeiro monólogo foi Sé galego, my friend. Este, Depende!, está relacionado cun momento tan raro que vivimos, por dicilo dalgunha maneira, que esa é a mellor resposta para moitas preguntas.

_Como cre que será a do público a esta cita con Sergio Pazos en Ribadeo?

_Depende... da xente que veña, das ganas que traian. Esa enerxía sempre repercute no actor. Do primeiro espectáculo recupero algunha cousa pero sobre todo quero facer unha homenaxe ás avoas. Está moi de moda falar das nais, aquilo de 'como vaya yo y lo encuentre'. Fago unha homenaxe ás avoas, a través da miña, Pilar Bande Rodríguez, que se chamaba 'a obediencia'; dicíame 'vén aquí a obediencia'. Tiña un marabilloso dito que era 'la educación no está reñida con nada'. Tiña moita razón. As avoas de antes foron nais tres veces, a primeira cando ou non o querían selo ou non tantas veces, a segunda disfrutando dos netos e agora, en que se fixeron dixitais completamente e son avoas dos netos e das bisnetos a través de TikTok, grabando videos supervirais, e estando conectadas con eles e elas.

_De que máis se nutre para artellar un monólogo?

_Tiro un pouco de actualidade. Agora estou a enterarme de cousas que pasaron por Ribadeo, porque me gusta personalizar. Por exemplo, non penso ir en tren porque sei que se chega antes en bici e non penso ir en barco porque houbo un que quedou encallado, o de Nicolás... Tamén me gusta nos monólogos interactuar co público. Teño dous ou tres xogos que fago con eles, como cando soa un móbil ou alguén chega tarde. Tamén teño un número precioso que fago dependendo de como estea a xetne, un romancero que me ensinaba meu pai, recito e saco a catro persoas do público para que me fagan a banda sonora. Hai que darlle caña ao público!

_En que anda agora ocupado Sergio Pazos?

_Colaborando en todo tipo de programas como Pasapalabra, Generación Top, El Cazador... Cousa fixa de series non. Tamén estou preparando un espectáculo cun gaiteiro, con familia daquí da Mariña, que está en Madrid e vexo moito na Casa de Galicia: Miguel Ramalleira. Unha historia de gaitas e soplagaitas. Música e monólogo, todo con moito humor. Estaremos o 26 de abril con el en Burgos, pero queremos metelo en galego en Galicia.

_