«Foi un soño tocar no Auditorio Nacional coa Orquesta de Extremadura e Ainhoa Arteta»
VIVEIRO
«Con dedicación e esforzo é posible facer realidade unha vocación pola música, ou outra», suliña o viveirense Adan Gómez
29 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Quen o coñece sabe que pode dálo todo por intentar acadar o que se propón, se lle interesa e o motive. Ao mesmo tempo que cursaba primaria no colexio Landro e secundaria e bacharelato no IES María Sarmiento, estudaba música e trombón de varas no Conservatorio de Viveiro. A un ano de rematar a súa formación no Conservatorio Superior de Música da Coruña, Adan Gómez Domínguez (Viveiro, 1999), está pletórico tras experimentar «a que ata o de agora é a maior experiencia da miña vida, tocar no Auditorio Nacional cunha orquestra profesional e Ainhoa Arteta».
-Cando e por que empeza a estudar música?
-Con oito anos, no Conservatorio de Viveiro, porque na miña familia hai tradición musical, moitos tocan instrumentos e a min atraíame o trombón de varas.
-Como compaxina os estudos ordinarios cos musicais?
-É complicado. Corría máis da miña conta estudar unha ensinanza artística, en vez de que me axudaran, como poden facer con calquera outra carreira. Supostamente convalídanse materias e eses horarios podemos dedícalos nosa disciplina, pero danche unha hora semanal para un instrumento que require máis tempo que o propio instituto.
-A que cree que se debe?
-Non toman a música coma un estudo máis, coma unha posible carreira, senón coma unha afección. Moitas veces tiven que escoitar iso de «a que te dedicas?». Cando respondía «son músico e vou a estudar música», insistían: «Non, non, pero a que te dedicas ti de verdade?».
-Para vostede non so é afección?
-Para min é moito máis, unha vocación á que me entrego con dedicación, esforzo e constancia. «Maxicamente» rematei o bacharelato en tempo e forma e, ese mesmo ano, aprobei o acceso ao Conservatorio Superior da Coruña. Aí empecei no 2017.
-Centrado na súa vocación...
-...con un alivio moi grande de poder estudar ao fin o que quería. Foi unha sensación brutal despois do estrés de ter que sacar boas notas na música e aprobar no instituto. Todo un curso empezando ás oito da mañá no instituto e, a veces, durmir dúas horas para preparar o do conservatorio.
-Ademais de estudar, está en orquestras? Actúa en concertos?
-No primeiro ano logrei entrar na Orquestra Xove da Sinfónica de Galicia, como integrante reserva. O primeiro concerto con esa orquestra foi en abril do ano pasado. Para min un soño cumprido: tocar no Pazo da Ópera da Coruña con esa formación. Aos dous anos superei de novo as probas de acceso. Desde o ano pasado estou integrado na Orquesta Joven de Extremadura, coa que participei en múltiples concertos e en cinco encontros.
-Seica a semana pasada viviu un momento moi especial.
-Certo, ata agora a maior experiencia da miña vida, cando cumprín outros dous soños. No mesmo día toquei no Auditorio Nacional de Música, en Madrid, e nunha formación profesional, a Orquesta de Extremadura, dirixida por Andrés Salado, director titular da Orquesta Joven de Extremadura. Organizado pola Fundación Luzón, foi o 18 de febreiro, con Aionha Arteta de solista, nun concerto benéfico en apoio da ELA (esclerose lateral amiotrófica). No público estaban a Raíña Sofía, que saudou aos membros da orquestra e se fotografou con nós, ministros e outras moitas personalidades.
-E a partir de agora?
-Continuarei os estudos. Se todo vai ben, conto rematar o vindeiro curso. A miña seguinte meta é ser músico sinfónico, traballar nunha orquestra profesional. Cos pés no chan, sei que é complicado, porque o nivel de esixencia é moi alto e hai moitos aspirantes. Aínda así, non me desanima en absoluto porque, como ata agora, creo no que quero facer e estou disposto a esforzarme ao máximo para poder dedicarme ao que realmente desexo, ao que me gusta e me motiva.
-Quere engadir algo?
-Si. Gustaríame animar a toda a xente que queira estudar artes a non decaer, a esforzarse e pelexar, por moitos impedimentos que atopen. Na música, noutras artes ou en calquera outra vocación da túa vida, se realmente é o que che gusta, é posible facela realidade con esforzo, loitando e entregándote polos teus soños.