Un manifesto reivindicará este martes en Viveiro a igualdade de mulleres e homes

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

A pintora viveirense Maruja Mallo, cuxa figura é resaltada este ano con motivo do 8-M, en imaxe de arquivo xunto co ilustrador, pintor e cineasta estadounidense Andy Warhol nunha imaxe tomada en 1982.
A pintora viveirense Maruja Mallo, cuxa figura é resaltada este ano con motivo do 8-M, en imaxe de arquivo xunto co ilustrador, pintor e cineasta estadounidense Andy Warhol nunha imaxe tomada en 1982. CEDIDA

O acto central do 8-M terá lugar ás 20.30 horas na Praza Maior

07 mar 2022 . Actualizado a las 20:36 h.

Sensibilizar á cidadanía sobre a igualdade entre mulleres e homes é o obxectivo do programa promovido con motivo do 8 de marzo polo Concello de Viveiro xunto co Centro de Información á Muller (CIM). Este martes, o acto central consistirá na lectura dun manifesto que terá lugar a partir das 20.30 horas na Praza Maior, e no que se reivindicará que mulleres e homes, nenas e nenos, teñen os mesmos dereitos, as mesmas responsabilidades e as mesmas oportunidades.

O ciclo deu comezo o pasado 23 de febreiro, Día de Rosalía, co club de lectura En Feminino que desenvolve a actriz Estíbaliz Veiga. E continuou a pasada fin de semana coa representación da obra de teatro As que limpan, a cargo da Compañía A Panadería, que actuou no Teatro Pastor Díaz.

Ademais, o próximo 14 de marzo dará comezo un obradoiro titulado Educando na boa sexualidade, dirixido ós alumnos dos IES María Sarmiento e Vilar Ponte. Trátase dunha iniciativa moi interesante que se desenvolverá ata o mes de xuño, e na que nenos e adolescentes terán a oportunidade, entre outros, de aprender a apreciar a vida sabendo entender, analizar e coidar dos seus corpos, así como das súas relacións afectivas, emocionais e sexuais.

Dúas exposicións

Por outra banda, na sala da Biblioteca Municipal estarán expostos ata o próximo 18 de marzo os traballos do sétimo Concurso de Debuxo Escolar «Mamá traballadora», mentres que nos comercios adheridos ó Centro Comercial Histórico de Viveiro, ata a mesma data, poderanse ver as obras do sétimo Concurso de Fotografía Amateur «Mulleres e Traballos». «Con estas actividades buscamos sensibilizar a toda a cidadanía, con opcións para os máis cativos pero tamén para os adultos. Ademais, visibilizamos a figura da artista viveirense Maruja Mallo, referente nas artes e tamén na igualdade», explicou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, durante a presentación do ciclo do 8-M.

O domingo 13 haberá dúas conferencias sobre Maruja Mallo e a vangarda

A pintora Maruja Mallo (Viveiro, 1902-Madrid, 1995) e a súa relación coas vangardas será a protagonista do ciclo de conferencias que o próximo domingo, 13 de marzo, organizará o Concello de Viveiro no Teatro Pastor Díaz. A iniciativa dará comezo as sete da tarde coa conferencia que ofrecerá o escritor José Luis Ferris, autor do libro Maruja Mallo, la gran transgresora del 27. A charla levará por título «De Viveiro ao mundo. Maruja Mallo a gran vangardista europea».

Charla de Carlos Nuevo Cal

A continuación intervirá o cronista oficial de Viveiro, ademais de experto e biógrafo de Maruja Mallo, Carlos Nuevo Cal, cuxa ponencia se titulará: «Maruja Mallo, dende Viveiro ao Madrid Republicano». Os dous especialistas resaltarán a figura dunha muller que loitou por acabar cos costumes anticuados e pola dignidade da muller, e que pintou a mulleres dignas e fortes.