Oliver Insua, viveirense, cantante, acróbata e repoñedor, representará a A Mariña en Recantos, de Luar
![Lucía Rey](https://img.lavdg.com/sc/vC-62d9U3X6yWSKC1kleGgzySq0=/75x75/perfiles/46/1622715007007_thumb.jpg)
VIVEIRO
![Oliver Insua, cantante de Viveiro que representará a A Mariña en Recantos, de Luar](https://img.lavdg.com/sc/jiS-F-knJPpKd73a3aScIFWCrGQ=/480x/2022/10/12/00121665574021164754287/Foto/XO13C8F4_132533.jpg)
Solista da orquestra Metrópolis, de 37 anos, representará á comarca da Mariña no popular concurso da TVG, que presenta Xosé Ramón Gayoso este venres
13 oct 2022 . Actualizado a las 12:25 h.Conta Oliver Insua Piñeiro (Viveiro, 1985) que a música é a súa paixón desde pequeno. «Sendo un neno miña avoa, que foi cociñeira toda a vida, meteume na Coral Polifónica de Viveiro e o primeiro micrófono que tiven foi dela, cantaba enriba da mesa da cociña. A primeira canción que cantei foi ‘Doce cascabeles' de Joselito, e a primeira vez que actuei en público foi nun dos festivais que se organizaban na OJE de Viveiro. Tería uns 8 anos», sorrí cunha mestura de orgullo e nostalxia o cantante viveirense que este venres, 14 de outubro, se estreará como representante da comarca da Mariña no concurso Recantos do programa televisivo Luar, da TVG. «Representar á miña terra supón unha responsabilidade e un orgullo moi grandes. Para min é un luxo e teño nervios tamén, pero atacaremos a todo dar», comenta Oliver, que leva toda a vida dedicado «ó mundo da verbena» e que fai acrobacias aéreas no escenario. Entre outros, foi cantante nas orquestras Trébol, Costa Dorada e Metrópolis. Con esta última acaba de rematar a xira de verán. «Sempre tiven a gran sorte de dedicarme ó que me gusta, que é a verbena», comenta o cantante, que recoñece ter pasado dous anos «moi complicados» a nivel laboral como consecuencia da pandemia do coronavirus.
Nun supermercado
A inestabilidade do sector cultural nos últimos anos levouno, entre outros, a traballar noutros sectores. Deste xeito, rematado o verán agora traballa nun dos supermercados da cadea Eroski en Santiago, onde reside habitualmente.
Seu pai, Manuel Insua, toca a gaita e é membro, entre outros, do grupo de adultos Os do 21, do Vicedo. «Encántame que faga tantas cousas», destaca Oliver, que este venres en directo contará co apoio de seus pais e de súa tía, así como de varios amigos.
![Nunha actuación coa orquestra Metrópolis](https://img.lavdg.com/sc/Xcmgy7GoaSXCOACDZQEEBZ_YUuU=/480x/2022/10/12/00121665574022664451741/Foto/XO13C8F8_13268.jpg)
DNI
Naceu en Viveiro no 1985 aínda que actualmente reside en Santiago.
Leva toda a vida dedicado ó mundo da verbena e cantou en Trébol, Costa Dorada ou Metrópolis.
Este venres competirá coa representante de Terras de Santiago. Interpretará dous temas elixidos pola organización. Un individual, que leva preparando dúas semanas, e un a dúo, que prepara desde hai tres.