Deixa praza fixa na súa comarca natal por unha carga de traballo do 181 % nos xulgados de Viveiro: «Marcho por saúde»

VIVEIRO

Marco López
Marco López CEDIDA

É un dos funcionarios que pediu traslado polo estrés laboral: «Sénteste impotente porque detrás dos expedientes hai persoas»

14 abr 2023 . Actualizado a las 20:15 h.

Cataluña, Navarra, Andalucía e Asturias. Foron as estacións onde parou durante case tres lustros Marco López (A Rigueira-Xove, 1978) antes de acadar, hai dez anos, o seu obxectivo a nivel laboral: lograr unha praza como funcionario de Xustiza nos Xulgados de Viveiro, na comarca onde naceu e reside. Hoxe vive a dez minutos camiñando do que ata a semana pasada foi o seu lugar de traballo, pero en breve terá que conducir uns 160 quilómetros cada día -80 de ida e outros tantos de volta- para desenvolver as súas tarefas como secretario do Xulgado de Paz de Guitiriz. Por que ese cambio? A súa é unha das historias que hai detrás dunha cifra: o 181 %, a carga de traballo que asumen os traballadores do partido xudicial viveirense, segundo os propios datos do Consejo General del Poder Judicial (CGPJ). Noutras palabras, a sobrecarga é do 81 %, ou o volume de asuntos é case o dobre do que por recursos -o cento por cento- as Salas poden resolver.

«Marcho por saúde», explica López. No último medio ano, dous funcionarios xudiciais titulares abandonaron voluntariamente a sé da cidade do Landro, logo de décadas traballando na Mariña. Agora marcha el, logo que conseguir praza en Guitiriz a través do concurso de traslados, e tamén o fará presumiblemente un dos maxistrados. «Sentímonos impotentes, non damos feito máis. Non queda máis saída que marchar para evitar o estrés laboral. É imposible dar unha resposta áxil cando xorden problemas. Nós tramitamos expedientes, pero detrás deles hai persoas de carne e óso», resalta.

López sinala que os funcionarios en Viveiro tentan dar a mellor resposta posible á entrada de escritos -16.296 só no ano 2022- «porque asumimos que temos unha responsabilidade por sacar adiante un servizo público esencial para a sociedade. Ninguén sabe o traumático que pode chegar a ser un proceso xudicial ata que o vive», afonda. Por iso, contra a escaseza de medios, «facemos cantidade inxente de horas extraordinarias, que non cobramos. Temos traballado de sete da mañá a nove da noite cantidade de veces, ou estar todos os traballadores funcionando un domingo para aliviar o colapso», remarca. Pero todo ten un límite, matiza. «O ritmo de traballo non ten ningún sentido, porque estás coa lingua de fóra e cando precisas dar un sprint non podes. Esta situación non pode recaer só sobre o lombo do persoal da Administración de Xustiza», lamenta.

O absurdo, manifesta, é tal que conta pasar máis tempo coa súa familia traballando en Guitiriz que tendo o seu posto de traballo a tiro de pedra da súa vivenda. «Marchando perdo diñeiro, afectarame no físico, deixo un traballo que me gusta... Pero vai ser para ben», razoa.

Hai ano e medio, cando pediu por primeira vez o traslado, a súa decisión colleu por sorpresa aos seus compañeiros e seres queridos. Logo producíronse máis solicitudes. «Cando un fai unha cousa distinta, é un tolo, pero cando o fan dúas persoas, xa non parece tanta toleada», ri. Logo volve poñerse serio. «A situación é cada vez máis penosa, porque a carga de traballo vai a máis e non hai un compromiso nin da Xunta nin do Goberno do Estado para resolver isto. Cando cheguei a Viveiro, a carga era do 115 %; agora, do 181 %», denuncia.

«O acceso á xustiza estase a volver enfermizo», afirma López. Na última proposta realizada ao Goberno central, Xunta e Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) deixaron a creación dun terceiro xulgado en Viveiro para a sétima posición do seu listado.

«Deberanse aclarar as razóns polas que se pasa por riba dos datos obxectivos. Están a promover unha Administración de Xustiza de dúas velocidades: a da lebre, nas cidades, e a da tartaruga nas vilas. E un veciño de Viveiro non é menos ca un de Vigo. A Mariña debera reclamar o que é xusto», conclúe López.