A xoven escritora gañou a cuarta edición dos Premios Vilar Ponte e a súa obra foi editada pola Editorial Galaxia.
05 abr 2024 . Actualizado a las 19:08 h.Este venres 5 de abril, ás 11 horas, Irene Rega Jul (San Cibrao, 1996) presentou a súa novela «Tecendo Redes» no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, situado na Travesía da Mariña. Xunto a ela estivo presente María Loureiro, alcaldesa de Viveiro; Malores Villanueva, representante da Editorial Galaxia; e Manuel Galdo, concelleiro de Por Viveiro.
Tecendo Redes é unha novela negra de intriga, que tamén esculca nas miserias da sociedade e nas vítimas dos abusos de poder, na dor do silencio e na culpa; e que ten a Verónica como principal protagonista do libro. «Eu a veces tomo notas nunha libreta ou nun ordenador, entón a idea deste libro xorde destes apuntamentos que aparecen explicitamente na páxina 60 e a partir de ahí fun escribindo toda a historia», relata Irene.
Para a xoven escritora o que ten de especial esta novela, gañadora do Premio Vilar Ponte 2022, é principalmente a temática e o xénero da mesma. «É o que máis me gusta, no que máis me sinto identificada e no que máis cómoda me sinto escribindo. Eu empecei con Domingo Villar e desde esa sempre estiven atenta a este tipo de xéneros».
Irene Rega, a pesar da súa corta idade, xa conta con catro novelas publicadas, denominadas A Malferida (2022) e Tecendo Redes (2023), en galego; e Si me pierdo, tu me encuentras (2018) e Si me pierdo, búscame (2019). As dúas primeiras foron editadas pola editorial Galaxia e foron publicadas tras gañar os premios Illa Nova de Narrativa e o IV premio Vilar Ponte, respectivamente. «Irene encabeza unha xeración da esperanza na literatura galega. As novelas de Irene son aquelas que te atrapan desde o primeiro momento», afirma Malores Villanueva, representante da Editorial Galaxia.
Desde o Concello de Viveiro agradecen que a presentación do libro fora en Viveiro xa que Irene foi a gañadora dos Premios Vilar Ponte 2022, un galardón de moita importancia na literatura galega que sirve como homenaxe aos irmáns Vilar Ponte. «Cada ano que pasa as obras son de moita calidade e hai moita participación e para nós é unha alegría dobre que se publique esta obra nunha editorial tan importante como Galaxia e que a gañadora sexa mariñana», conclúe a alcaldesa de Viveiro que anima a que se apunten máis participantes para esta nova edición do galardón.