Pregón do cronista oficial, Carlos Nuevo Cal, nas patronais do San Roque de Viveiro 2024

La Voz

VIVEIRO

O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, ofreceu este mércores desde o balcón da Biblioteca Municipal (antiga Casa do Concello) o pregón das patronais de San Roque, no que achegou interesantes datos sobre a celebración da festa ó longo do tempo
O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, ofreceu este mércores desde o balcón da Biblioteca Municipal (antiga Casa do Concello) o pregón das patronais de San Roque, no que achegou interesantes datos sobre a celebración da festa ó longo do tempo XAIME RAMALLAL

15 ago 2024 . Actualizado a las 10:30 h.

Sra. Alcaldesa presidenta do Excmo. Concello de Viveiro, autoridades presentes, veciñas, veciños, amigas e amigos, viveireses da diáspora, que todos os veráns acudides puntuais á chamada das celebracións da Nosa Señora do Campo e de San Roque, atraídos pola forza telúrica da terra que vos veu nacer, visitantes que nos acompañades, é para min un honor ser o pregoeiro destas Festas Patronais 2024.

ADRAL

Nas últimas décadas do século XVI producíronse en Viveiro e a súa bisbarra tres epidemias de peste bubónica nos anos de 1569, 1576 e 1598, os dous primeiros contaxios tiveron lugar por vía terrestre procedentes da vila de Betanzos, mentres que o terceiro, denominado “peste atlántica”, chegou por vía marítima dende Santander. Malia aos falecementos acaecidos, Viveiro logrou superar todos estes contratempos grazas ás medidas de estrito illamento ditadas polo Concello, que obrigou a pechar e vixiar as portas da Vila e a controlar o paso de todas as persoas sospeitosas de contaxio. Neste ambiente de inseguridade foi cando os rexedores do Concello decidiron poñerse baixo a advocación de San Roque como protector da peste e doutros males pero, primeiro imos ver o arco festivo local anterior a nova devoción do taumaturgo francés.

A CELEBRACIÓN DAS FESTIVIDADES ANTES DA NOVA ADVOCACIÓN A SAN ROQUE

Sen dúbida, nunha sociedade eminentemente agrícola e mariñeira cun destacado substrato fidalgo, artesanal e comercial como era a viveiresa da época, cando os traballos, a fatiga, o esforzo, as calamidades, as enfermidades e a morte estaban á orde do día, a necesidade de lecer e de descanso resultaban fundamentais; por iso considerábase o tempo festivo como algo extraordinario, sagrado, litúrxico, coma se estivese inspirado na natureza, coa alternancia anual das estacións, que se repiten puntualmente nas mesmas datas, con carácter cíclico.

Tampouco debemos esquecer a mentalidade teocéntrica dos nosos antepasados, que consideraban a vida coma un val de bágoas, como un paso previo para a eternidade. A promoción da relixiosidade e da piedade amosábase constantemente non só a través das funcións relixiosas, as predicacións e as misións, senón tamén polo culto diario das imaxes que protexían as portas da Vila (O Cristo do Amparo, A Virxe dos Desamparados, As Angustias, San Antonio e Sta Ana).

Durante o século XVI o cúmulo de festas que se celebraban era intenso, pois ademais das obrigatorias celebracións dominicais e das funcións funerarias ou relixiosas que realizaban a cotío os frades dominicos e franciscanos, sumábanse as propias do ciclo do ano, mesturando os rituais relixiosos cos profanos (O Antroido, A Semana Santa, Os Maios, O San Xoán, as romarías de estío dedicadas a Nosa Señora, O San Martiño e os Magostos… ). Ademais, as distintas irmandades, confrarías e gremios existentes na nosa vila, tamén celebraban misas, procesións e outras actividades, coincidindo especialmente coas festividades dos seus patróns ou santos protectores. Nestas manifestacións reafirmábase o carácter solidario, de axuda mutua e igualdade entre os confrades e as súas familias, que compartían crenzas relixiosas, xantares, música, danzas e bailes profanos.

Xunto con todas estas festividades, conmemorabanse outras solemnidades oficiais relativas aos nacementos reais, ás maiorías de idade dos membros da real familia, defuncións, vitorias militares ou simples rogativas por cuestión climáticas para evitar as excesivas choivas ou por mor da seca dos campos de cultivo; estas últimas eran do máis abondoso naqueles tempos.

Antes da advocación a San Roque, en Viveiro festexábase o 21 de decembro, dedicado a Santo Tomé apóstolo, patrón dos canteiros e arquitectos, que fora nomeado protector da Vila, no século XIII, logo do remate das obras do recinto amurallado e que en adiante aparecerá sempre asociado a San Roque; este último, unha vez nomeado protector, aparece á mesma altura ou, incluso, superior que o primeiro patrón. Igualmente, estaba considerada como patroa a Virxe da Asunción, venerada no altar maior de Santa María do Campo, cuxa festa se celebra o 15 de agosto, data que ficou marcada como o día da Asunción da Virxe ao ceo.

O santoral era tan abondoso en celebracións que o propio papa Urbano VIII decidiu reducilo un en 1642 para que fose máis equilibrado; malia a todo continuaron realizándose gran cantidade de efemérides relixiosas.

Agora ben, en Viveiro, as tres grandes celebracións de táboa, é dicir, que sufragaba o Concello eran:

A Purificación da Virxe, que se oficiaba o 2 de febreiro, na igrexa de Santa María ( a máis antiga da Vila), con misa e coa asistencia dos rexedores municipais, que portaban cada un deles un gran cirio de cera.

O Domingo de Ramos, co seu carácter vexetal e de trunfo da primavera, símbolo de vida, a cuxa función relixiosa acudían as autoridades portando as palmas coas que participaban no ritual de apertura da Semana Santa, mentres que a maioría dos rapaces acompañaban a celebración con grandes grámallos de loureiro, adornados con laranxas. Nestas datas, do Barroco, destacaba a posta en escena dos actos pasionais do Encontro e o Desencravo, organizados polos dominicos e franciscanos, pero realzados pola presenza e ensinanzas para teatrais dos predicadores e misioneiros xesuítas e agostiños, capaces de conmover a grandes multitudes.

A Festividade do Corpus Christi era a de maior solemnidade por tratarse do culto á Eucaristía, gardaba unha estreita relación coa propia estrutura social da vila, pois nel participaba todo o corpo social existente, representado polos rexedores, cabaleiros de primeira distinción clérigos e frades dos dous conventos e os membros dos catro gremios existentes.

O mesmo co rexedor ditaba os edictos anunciando a festividade, ordenaba a limpeza e adorno das rúas e balconadas das vivendas e o peche dos comercios, ao tempo que invitaba aos Gremios e Confrarías para que asistiran aos actos e procesión cos seus estandartes, músicas (gaiteiros, violinistas cegos, tambores…), invencións e danzas (das espadas, dos

paus, das cintas…). Debido a competencia existente entre os gremios e ao lugar que deberían ocupar nas procesión producíronse multitude de preitos e tirapuxas entre deles.

COMO XORDE A ADVOCACIÓN A SAN ROQUE E O SEU NOMEAMENTO COMO PATRÓN DE VIVEIRO?

A devoción e culto a San Roque xa se tiña estendido no século XV ao longo da maioría dos países europeos, de tal xeito que o taumaturgo francés convertérase no principal auxiliador contra a peste bubónica e a súa veneración xa acadara gran popularidade.

En 1598, cando Viveiro comezou a superar a última gran vaga de peste bubónica, o Concello, influenciado pola gran devoción a Roque de Montpellier, acordou en sesión do 29 de agosto, ingresar na Confraría de San Roque e Santo Tomé que fora erixida na igrexa conventual de San Domingos. Ao tomar a ámbolos dous como intercesores e avogados da peste e doutras enfermidades contaxiosas, o Concello, obrigouse a nomear anualmente un mordomo desta Confraría e a sufragar todos os gastos relativos á misa, sermón e procesión. Así mesmo, celebrarían a festa do protector da peste cunha comida corporativa e con festexos populares nos que era habitual correr dous touros. Igualmente, acordaron colocar unha imaxe do “santo facticio”, pois non sería canonizado até 1629, nun oco na fachada da Casa Real, nesta praza, onde permaneceu durante varios séculos até que foi derrubada en 1876, ocasión na que se trasladou a efixie ao tímpano interior do Castelo da Ponte.

Ademais do culto a San Roque na vila, tamén había outras imaxes do santo nas parroquias. Así, en 1599 María de las Alas Pumariño fundou ás capelas de San Roque e de San Sebastián, na igrexa de Santa María de Galdo. Igualmente, houbo outras confrarías dedicadas ao santo protector da peste nas parroquias de Santiago de Celeiro e en San Pantaleón de Cabanas.

A POSIBLE ORIXE DA ERMIDA DE SAN ROQUE DO MONTE: NUN LUGAR “MÁXICO”

Aínda que non sabemos con exactitude cando se erixiu a ermida de San Roque non nos estrañaría nada que a súa fundación fose obra exclusiva da devoción popular, por medio de colectas públicas.

O primeiro que nos chama a atención é a súa situación estratéxica na cima do monte, a 353 metros de altitude, nun lugar totalmente illado e inhóspito nos días de vento e temporal. Sabemos que os primeiros anacoretas sempre buscaron sitios illados como desertos, illas, cantís, covas ou barrincoias para establecérense e dedicárense ao desenvolvemento da vida espiritual e intimista, grazas á oración, ás penitencias, aos xaxúns, ao silencio, ás mortificacións e ao ideal de pobreza. Ademais, tampouco debemos desbotar o carácter simbólico dos sitios altos, como propiciatorios para seren cristianizados, pois sempre tiveron sona de lugares estériles e, incluso, demoníacos, ao pensar que por eles vagaba o demo, o mesmo que tentara ao propio Xesús Cristo durante o seu retiro no deserto de Xudea.

A ermida consagrada a San Roque está situada de costas ao levante, a oriente, de onde se supón que veu a peste moura, orixinaria de Asia e que chegaría a Europa a través das pulgas das ratas que viñeron nos barcos da rota das especias e que transmitirían o bacilo da “yersenia pestis”, causante da peste negra ou bubónica. En troques, a parte dianteira da ermida está orientada cara ao oeste desde onde se divisan a terras de Riobarba, Cabanas e o Cordal do Sol, así como a cova e desaparecido santuario mariño de San Xoán O Vello, en Covas. Así mesmo, dende San Roque tamén se pode observar todo o estuario, a praia e ría de Viveiro e Celeiro, situados nos extremos sur e norte destacando á vista, o Monte de San Martiño Castelo, en Landrove, e o Castelo de Celeiro, coa Pena Alba. Estes dous últimos emprazamentos tan abondosos en masas pétreas graníticas de “caprichosas” configuracións tamén gardan un pasado máxico común dentro do imaxinario popular que fala de engaiolantes lendas, enigmáticas fadas, antigos xigantes ou do propio demo, como construtores e responsables do traslado máxico, a través dos aires, da maioría dos grandes bloques graníticos existentes na súa accidentada orografía.

Segundo temos escoitado de nenos, era costume que as mulleres dos mariñeiros de Celeiro, Covas ou Viveiro, ante o grande perigo que supuñan as galernas e temporais, ascendesen ofrecidas até o cumio do Monte San Roque e despois de rezar piadosamente ao santiño ou de subiren descalzas cara a ermida, cambiaban a dirección dunha pedra do lousado da ermida para orientar o vento favorable e que calmase a tempestade. Reparade tamén, que o monte San Roque e o Penedo, sempre serviron de marcas naturais para os mariñeiros, para sinalar as postas ou fanequeiras e tamén para orientarse nos días de néboa: “Boga, boga mariñeiro, imos pra Viveiro, xa se ve San Roque”…

A tradición popular cóntanos que Roque apareceu e viviu coma un ermitán na denominada “Cova do santo”, que está emprazada uns metros máis abaixo do santuario. Esta cavidade está conformada por dúas grandes rochas, a xeito de abrigo, coroadas actualmente cunha sinxela cruz de pedra.

O PENIDO DO GALO E O CULTO A AUGA, O SEU SIMBOLISMO

Sabemos que o galo, como animal doméstico e totémico, xa tiña un importante valor simbólico, cando menos, dende a primeira Idade do Ferro. Posteriormente, durante a romanización, o galo, aparecía case sempre asociado co deus Mercurio que tería, entre outras atribucións, a de actuar como protector dos camiños e dos viaxeiros.

Cabe sinalar que moi cerca do Monte San Roque e do Penido do Galo decorría unha antiga vía romana de carácter secundario que enlazaba Ourol con San Cibrao e Cervo a través das terras de Viveiro e Xove. (O Iovius romano) Esta rota polos montes atallaba moito e pasaba entre outros lugares pola Trasposta, lugar onde se refrescaban e cambiaban os animais de tiro dos carruaxes, e Silvoso, enlazando coa Rigueira (Xove).

Na antigüidade, o galo estaba considerado coma o deus solar por excelencia, ao anunciar co seu canto os amenceres. Ademais do galo (o sol) e a súa femia, a galiña (a lúa), tamén tiñan moita presenza nas lendas e mitos outros compoñentes do firmamento coma as constelacións, as estrelas e demais astros, simbolizados a través de distintas zoofonías como a da galiña ou galiñas con pitiños de ouro que saen polo cano dunha fonte na noite de San Xoán ou en días especiais. Esta tipoloxía de lendas e de fadas vestidas de branco que facían a súa aparición derriba dun penedo ou na chamada Pena da Auga de Pe de Boi, eran frecuentes nestes dous montes, no Chamorro, e en todo o Val de Viveiro. Non debemos esquecer tampouco a grande importancia que sempre tivo a auga, dos mananciais e acuíferos existentes nestes lugares máxico hídricos; pensemos por exemplo nas fontes que daban auga a Viveiro dende as faldras do Penido do Galo e de San Roque, A Redonda, Prado Vello, A Pedreira, Mirlán, Rego da Cancela, Fonte do Sapo, Fonte do Ollo e Fonte da Roza, Fonte do Puño, Fonte da Rouca, entre outras. E ademais dos ríos de Silvoso ou Pe de Boi que nace na Fonte do Cunqueiro e desemboca no Lodeiro, o río da Trasposta, do Rato, Labrada ou San Francisco que nace no Prado da Vila e desemboca no peirao de Viveiro.

Todas estas crenzas do imaxinario popular, sen dúbida, deberon influír moito á hora da elección do lugar onde situar o santuario do santo protector. Unha ermida da que non se coñece exactamente o ano da súa construción, aínda que si sabemos que xa existía no 1613.

O CULTO A SAN ROQUE DURANTE O SÉCULO XVII

Ao longo do século XVII continuou Viveiro coa promesa do voto a San Roque e todos os 16 de agosto celebrábase a función relixiosa en San Domingos, con procesión pola vila e a colación dedicada aos membros do Rexemento. Por outra banda, os carniceiros da localidade estaban obrigados a traer dous touros para correr nesta praza como diversión dos viveireses. O mordomo de Propios da Vila, encargaba todos os anos as garruchas de ferro que elaboraba un ferreiro e despois de pagalas repartías entre todos os mozos que quixeran participar no alanceado dos touros.

Nos anos de 1661, 1662 e 1663 por mor da guerra de Flandes e Portugal houbo bastante movemento militar na Vila e no porto, con embarques e desembarques que afectaban á economía e tranquilidade dos veciños, obrigados a abastecer ás tropas e, mesmo, sufrían todo tipo de situacións forzadas.

Debido a crise, á escaseza de pan, que se exportaba da Bretaña francesa e do Báltico, ás dificultades dos tempos e aos novos contaxios coma a sífilis ou calquera outra enfermidade que puideran transmitir os soldados e viaxeiros, a poboación estaba exposta constantemente a todo tipo de perigos. Así sucedeu a principios de agosto de 1666, cando o Concello decidiu realizar unha Rogativa pública para implorar auxilio e remedios ao glorioso San Roque.

En 1680, o Concello sufragou a construción do altar dos santos patróns na igrexa conventual de San Domingos. O novo retablo estaba composto polas imaxes dos dous patróns e a efixie do rei San Fernando, cos escudos de Viveiro e Catela.

Moitos foron os ermitáns que se encargaron das reparacións, coidados e mantemento da ermida. Grazas ao seu labor a romaría chegaría a acadar unha gran sona en toda a Mariña. Entre outros, podemos mencionar a Pedro Jiménez, Diego de Pillado ou Antonio Martínez, co que comezou a saga de ermitáns da familia Barreiro: Roque, Antonio, Miguel e Nemesio Barreiro, Enrique Pardo e a súa viúva Carmen Barrreiro.

Como contraposición a todas estas penalidades e enfermidades, que tanto afectaban aos viveireses naqueles tempos, debemos resaltar o rol que xogaban outro tipo de celebracións de carácter cabaleiresco ou extraordinario, que axudaban a cambiar a rutina dos traballos cotiás e servían para dar renda solta á ledicia e ás gañas de diversión, como aconteceu o 24 de maio de 1671, con motivo das festas de canonización do rei Fernando III de Castela. Os festexos, que se celebraron nesta praza e comezaron a partir das 9 da noite, consistiron en luminarias nas ventás, fogos, foguetes e rodas de pólvora, fachos e lumes, máscaras, teatro, colgaduras nas rúas e ventás, danzas e música de gaiteiros. Neste tipo de xogos de carácter militar e cabaleiresco, no que os fidalgos amosaban as súas habilidades e destrezas guerreiras, era moi usual a utilización do denominado estafermo ou cabezón, unha figura xiratoria a xeito dun guerreiro, armado cun escudo nunha man e cunhas bolas ou sacos de area na outra, ao que golpeaban os cabaleiros cunha lanza, pero que debían evitar que , ao xirar, lles devolvese o golpe, coas risas xeneralizadas dos espectadores e participantes. Non menos importancia tiña o simbolismo das luminarias, das fogueiras (atributo do fogar e da fertilidade) e dos fachos, feitos con varais de avelaira, colocados por toda a praza para iluminar extraordinariamente a noite; pensemos que non había luz de gas nin eléctrica e que a diario estaba totalmente prohibido circular de noite con fachóns por medo aos incendios, como os acontecidos en 1381, 1540 e 1610. O poderío militar tamén se reflectía nas festas a través da queima dos foguetes e dos canonazos das pezas de artillería do forte da Ribeira, ruído e pólvora para espantar os males e ás bruxas.

AUXE DA ROMARÍA NO SÉCULO XIX

Durante os primeiros decenios do século XIX, antes do derrube da igrexa conventual de San Domingos (1851) e do traslado do altar dos patróns á igrexa de Santa María, a romaría de San Roque xa se celebraba de xeito multitudinario arredor da ermida, como tan maxistralmente a describiu Nicomedes Pastor Díaz no conto Una Cita, publicada en Madrid no 1837. Vexamos como recordaba os bailes da súa nenez, nese rito iniciático dos mozos viveireses que madrugan ou, mesmo, dormen a primeira noite fora da vivenda familiar:

“el tosco violín rechina, la gaita suena, la pandereta zumba, los ciegos cantas, los chicos gritan, los aldeanos dan alaridos, y se forman corros, y comienzan los bailes. Los mancebos de la aldea se mezclan con un inocente orgullo con las damas; los jóvenes de la villa toman sus parejas entre las aldeanas; y en aquellas rústicas saturnales todos se confunden, ríen, danzan, juegan, retozan y brindan”.

Ao longo desta centuria aumentaron as epidemias e os contaxios de todo tipo, dende a gastroenterite “as cámaras”, a febre amarela, o tifos, a variola, o cólera morbo, a tuberculose e a gripe do 1918 que afectaron a Viveiro en diferentes épocas, causando importantes mortalidades, sobre todo na poboación infantil. Malia a todo, cando as epidemias se disparaban sempre se recorría a San Roquiño: Que baixe San Roque!!... ao que traían en solemne procesión, dende a súa ermida do monte, con acompañamento das autoridades e do pobo fiel. Unha vez que chegaba a procesión á Ponte Labrada co santo ataviado dun rigoroso manto negro de veludo, saían a recibilo as imaxes de Nosa Señora do Campo e San Tomé para acompañalo até a Igrexa de Santa María, onde facía a súa entrada e, alí permanecía mentres duraba o contaxio, como tan ben o ten descrito Castro Bolaño.

Cara a finais do antepasado século as festas patronais reducíanse, en exclusiva, á función de Santo Tomé e aos dous días de celebración, o 15 e 16 de agosto, dedicados a Nosa Señora e San Roque. O día da Virxe facíase unha función cantada en Santa María e un paseo de moda e verbena nocturna con música de banda e fogos pirotécnicos na desaparecida alameda da Misericordia. Ao día seguinte realizabase a subida á ermida, os máis madrugadores de cada rúa avisaban casa a casa ás distintas familias, en pouco tempo as vivendas quedaban valeiras e as portas pechadas e víase a unha marea humana en peregrinación ao coto, cos pais levando as caravillogas aos fillos, dicindo chistes e cantando copras para facer máis doada a ascensión polos atallos. Unha vez no monte os ofrecidos poñían velas, rezaban e confortábanse co santiño. Logo viña o almorzo nos “botiquíns” e no campo; nunca faltaron o chocolate e as costeletas e máis modernamente a empanada de bonito, os chicharros lañados ou os chourizos e os torresmos. Daquela, unha vez rematada a romaría, onde había todo tipo de postos de froita e de melindres, desmontábanse os botiquíns e baixábase cara aos soutos de Pe de Boi e As Nogueiras, onde se volvían a montar para celebrar o´xantar do medio día; os máis devotos e as autoridades baixaban a primeira hora da mañá á Vila, para participaren na misa e procesión de San Roque que percorría as rúas da localidade. Outra volta, subían a Pedeboi para o xantar familiar, cos manteis sobre a herba, e os sons da gaita do afamado gaiteiro Choumín. Logo dos consabidos bailes campestres, co solpor da tarde, baixábase de novo a Viveiro a engalanarse e participar na Verbena que se celebraba nesta Praza Maior. Este foi o xeito de celebración tradicional das festas de Nosa Señora e San Roque até 1891. Ademais, tiñan moita sona os festexos do San Pantaleón de Galdo (27 xullo), coa xira marítima e cos botes engalanados navegando as augas do poético río Landro, as festas do Santiago de Celeiro (25 de xullo) e as de Santa Ana ao día seguinte, en Celeiro e Magazos.

A partir de 1892, grazas a iniciativa precursora do alcalde Regino César Riego Cortiñas, constituíse unha ampla comisión que organizou por vez primeira as “Ferias Generales de Viveiro”; estas que durarían cinco días e imitaban as grandes feiras do outono (San Froilán, As San Lucas, Zaragoza, Sevilla… ) trataban de conxugar a temporada de baños e a afluencia de forasteiros á praia do “Navallal”, en Covas, coas vendas e transaccións dos labregos. Entre as iniciativas das festas figuraba a convocatoria dun Concurso Exposición de Gando, con premios aos mellores exemplares e desfile polas rúas. Ademais, construíuse unha Praza de Touros para celebrar corridas no solar do actual IES María Sarmiento. Na programación festiva figuraban numerosas romarías, bailes campestres, sardiñadas, verbenas e serenatas marítimas. A Xira a Portochao, paseos de moda pola Travesía, bailes de sociedade, batallas de flores, procesións cívicas, veladas literarias, regatas de botes e traiñeiras, carreiras de cintas, en bicicleta, de sacos, samaritanas, xogos populares, cucañas, xigantes e cabezudos, que se estrearon ese ano, globos aerostáticos e o gran globo de Marruán, fogos chinescos, de bengala… En fin, un mundo de ledicia e colorido que marcou un antes e un despois no nacemento das nosas Festas Patronais, así como na gran competencia existente entre as distintas rúas e barrios, para comprobar cales eran as mellor engalanadas con arcadas vexetais de loureiro, farois, bandeIras, e outros adornos festivos.

Felices Festas e moitas grazas a tod@s

Berrade comigo: Viva Viveiro, Viva a Nosa Señora do Campo e Viva San Roque e o can!!