Novas plantacións de árbores fan avanzar «a bo ritmo» a mellora do parque Pernas Peón de Viveiro
VIVEIRO
As obras no espazo natural están sendo financiadas cunha subvención de case 106.000 euros da Unión Europea
12 sep 2024 . Actualizado a las 18:29 h.As concellerías de Obras e Medio Ambiente do Concello de Viveiro informan de que os traballos no Parque Pernas Peón «avanzan a bo ritmo con novas plantacións de árbores, grazas á subvención de 105.897,25 euros de fondos europeos recibida». A tenenta de alcaldesa de Viveiro e concelleira responsable destas áreas, Míriam Bermúdez, explica que estas actuacións «teñen como principal obxectivo mellorar a accesibilidade e naturalizar o parque, transformándoo nun espazo máis integrado coa contorna natural da praia de Covas». «Un aspecto clave deste proxecto é a nova plantación de árbores, arbustos e vivaces que se realizará para incrementar a biodiversidade», destaca.
«Non só buscamos embelecer o parque, senón tamén facer un uso sostible dos recursos naturais, creando un espazo verde máis aberto e accesible», engade.
A plantación de árbores incluíe ás seguintes especies, todas elas con troncos de entre 12 e 16 centímetros de diámetro: nove liquidambar styraciflua, unha fraxinus ornus, unha tipuana tipu, unha acer rubrum, unha erytrina crista-galli e unha sorbus aucuparia. Ademais, plantaranse un total de 155 arbustos e 441 vivaces. «Taláronse exclusivamente árbores enfermas e en mal estado ao representar un risco para a seguridade e o bo desenvolvemento do proxecto, unha medida necesaria para garantir a saúde do ecosistema», apunta. As obras tamén incluíron a eliminación de tocos e a retirada dunha parte do muro que delimita a zona norte, mellorando o acceso cara á praia de Covas. A creación dun paso de peóns elevado, a pavimentación dos accesos ao restaurante e aseos públicos e a construción dunha beirarrúa de 3 metros de ancho forman tamén parte das melloras, que permitirán unha mellor accesibilidade.