O BNG de Viveiro renova a súa executiva con Beatriz Lage Cao como nova responsable local

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >Beatriz Lage Cao, no centro, é a nova responsable da executiva local do BNG de Viveiro</span>
Beatriz Lage Cao, no centro, é a nova responsable da executiva local do BNG de Viveiro CEDIDA

Iria Cotelo será nova vicerresponsable comarcal do Bloque

09 ene 2025 . Actualizado a las 10:55 h.

O BNG de Viveiro acaba de renovar a súa executiva local, como resultado da asemblea celebrada o pasado 7 de xaneiro. Beatriz Lage Cao é a nova responsable local, mentres que Iria Cotelo é vicerresponsable local. Juan Ramón Martínez Castro é o secretario e responsable de finanzas, mentres que Santiago López Chao é responsable de organización. Como responsable de comunicación e voceira municipal do grupo actuará Miriam Bermúdez García. 

Iria Cotelo, que pasa a ser vicerresponsable, expresou o seu agradecemento polo apoio recibido durante a pasada etapa e animou a Lage a «continuar traballando con entusiasmo en prol dos intereses de Viveiro».

Pola súa banda, Miriam Bermúdez, que é voceira municipal e primeira tenenta de alcaldesa, destacou a importancia da participación cidadá e animou ás veciñas e veciños a unirse ás asembleas do BNG, subliñando que «a implicación de todas e todos é fundamental para construír un Viveiro mellor».

Ramón Martínez, concelleiro de Medio Rural e tesoureiro do Bloque en Viveiro, valorou positivamente o traballo realizado na asemblea, resaltando a cohesión e o compromiso do equipo para enfrontar os retos futuros do municipio. 

A organización valora positivamente a incorporación de Lage como responsable local, e destaca a súa traxectoria e compromiso coas causas sociais e medioambientais de Viveiro. 

No ámbito comarcal destaca a elección de Iria Cotelo, concelleira de Comercio de Viveiro, como vicerresponsable. Ademais, nos próximos días tamén pasará a formar parte do Consello Nacional do BNG. Bermúdez continuará formando parte da executiva comarcal e Martínez do consello comarcal. 

Para máis información, o BNG anima a contactar a través das súas redes sociais ou nos encontros semanais que se celebran na sede local. Os contactos son: bngviveiro@gmail.com, BNG Viveiro (en Facebook) e @bngviveiro (en Instagram).