Plantan máis árbores en espazos clave de Viveiro, como os Xardíns Noriega Varela ou na travesía principal
VIVEIRO

A Tenencia de Alcaldía tamén impulsa a plantación de novos exemplares no entorno no Centro de Saúde ou a zona da piscina municipal
26 feb 2025 . Actualizado a las 13:09 h.O Concello de Viveiro, a través da área de Parques e Xardíns, dependente da Tenencia de Alcaldía, avanza na reposición de árbores en diferentes espazos coa finalidade de «mellorar a contorna urbana e recuperar exemplares perdidos por enfermidades ou outras circunstancias». En detalle, nos Xardíns Noriega Varela plantáronse catro novas árbores, mentres que na rúa Urban foron tres. Outros puntos nos que se realizou a reposición son Travesía, con dúas unidades; a contorna da estación de autobuses, con un; e o Centro Comarcal, con dous.

No caso do Centro de Saúde, está prevista a plantación de entre catro e cinco árbores, mentres que na zona da piscina municipal e na estrada de Celeiro se instalaron nove exemplares.
Tocos verdes
Con todo, a colocación dalgúns foi máis complicada debido á presenza de tocos verdes que non se puideron retirar completamente. Esta actuación enmárcase dentro da estratexia da Tenencia de Alcaldía para a mellora dos espazos verdes, apostando pola sustentabilidade e a recuperación da masa arbórea na cidade.
Instalan 10 vitrinas informativas en parroquias rurais de Viveiro
Co obxectivo de mellorar a comunicación coas parroquias rurais e dinamizar a súa vida social e cultural, o Concello de Viveiro, a través da Tenencia de Alcaldía e a área de Medio Rural, instará dez vitrinas informativas en puntos estratéxicos. Serán colocadas en espazos de referencia para a comunidade, como antigas escolas, facilitando o acceso da veciñanza á información municipal, e servindo como soporte para a difusión de actividades, citas e anuncios das asociacións locais. Os lugares onde se colocarán son: Landrove (vial 778), Chavín (vial 1110), Vacarría (vial 1063), San Pedro (Escola vella), Magazos (Escola vella), Xunqueira (vial 161), Galdo (Escola vella), Vieiro (Escola vella), Celeiro (Escola vella) e Faro (Escola vella). A iniciativa responde á necesidade de fornecer «a conexión entre o Concello e as parroquias rurais, onde a dispersión poboación dificulta o acceso á información», explica a tenenta de alcaldesa, Miriam Bermúdez, que destaca a importancia de dar visibilidade ó sector primario, poñendo en valor a importancia da agricultura e da gandería.