Juan Basoa, pregoeiro da Semana Santa de Viveiro: «É moi gratificante ver como os viveirenses vibran coa Semana Santa»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >O sacerdote Juan Basoa predicará tamén o Santo Encontro o Venres Santo</span>
O sacerdote Juan Basoa predicará tamén o Santo Encontro o Venres Santo CEDIDA

O sacerdote, que este sábado lerá o pregón, recorda con moito cariño os oito anos que foi sacerdote na cidade do Landro

11 abr 2025 . Actualizado a las 09:52 h.

O intenso labor desenvolvido por Juan Manuel Basoa Rodríguez (Madrid, 1966) nos oito anos, entre o 2014 e o 2022, que estivo en Viveiro como sacerdote deixou un pouso tan fondo que aínda se percibe. Párroco actual en Vilalba e formador no Seminario Interdiocesano de Santiago, este sábado volverá a unha terra que lle garda un enorme cariño para pregoar a Semana Santa 2025. A cita dará comezo ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz.

—Que é para vostede a Semana Santa de Viveiro?

—Para min a de Viveiro é «a Semana Santa». É a que coñezo e todas as referencias culturais, procesionais, de actividades, preparación... pasan por ela. Estiven en Ferrol, onde a Semana Santa tamén é moi imporante, pero as miñas parroquias non formaban parte do centro.

—A historia, as procesións, a participación da xente..., que é o que máis destacaría dela?

—Todos os elementos porque son moitos. Desde a riqueza, a tradición, o esforzo que fai todo o pobo... En Viveiro é moi raro atopar a alguén que non teña relación coa Semana Santa dun xeito ou doutro. E iso axuda a preservar as tradicións, a manter viva a memoria histórica e ó mesmo tempo a memoria relixiosa porque podes crer máis ou menos, ser máis ou menos practicante, podes ter máis ou menos devoción, pero o que si está claro é que calquera viveirense vibra coa Semana Santa. E para min iso é moi importante e moi gratificante.

—Cal é o acto que máis lle gusta?

—Para min sempre foi moi significativo o momento en que, despois da procesión dos Caladiños, a Virxe entra na igrexa e se canta a Salve. É moi especial, pero un que pasa desapercibido e me impacta é o momento no que, o sábado Santo pola mañá, a Virxe está soa en San Francisco. Hai anos escribín un pequeno artigo sobre iso nun dos libro-pregón. Ese momento no que a Virxe Dolorosa queda soa como a nai que espera, que está desexosa de que aquela non fora a última palabra sobre o que veu do seu fillo. E iso recóllese na procesión da Esperanza da tarde.

—Sorprendeuno que o elixisen para dar o pregón?

—Foi unha sorpresa moi grande porque deu o pregón moita xente importante, ilustrada, bos escritores... e eu só son un cura normal e corrente da nosa diocese. Non son escritor e para min é un reto. Espero non defraudar a ninguén porque non lle podía dicir que non á Xunta de Confradías. Vivín con eles eses 9 anos traballando, vinculándome, fun a todas as reunións que puiden, estiven con eles pensando, dilucidando..., e se cho piden non podes dicir que non. Pero para min é un reto. Veremos a ver que pasa!

—Vostede é testemuña directa da eclosión que experimenta Viveiro nestas datas...

A Semana Santa de Viveiro vive un momento álxido e o bo que ten é que todo o mundo se sente vinculado a ela. Sempre hai voces críticas e xa sabemos que Viveiro é algo máis que Semana Santa. É tamén a Mostra, o Resurrection e o día a día de cada persoa, pero hai que recoñecer que non se ten unha historia e unha tradición de 800 anos así como así.

—Podería avanzar algo do pregón?

—Voume centrar no sentido profundo de cada un dos días e de como se manifesta nas procesións, que é do que realmente sei algo. As procesións son a expresión da liturxia nas rúas, e ten sentido porque, nun momento no que para a xente era algo escuro, difícil de entender, sobre todo, no 1300, 1400,..., as ordes mendicantes, dos franciscanos e dominicos, fixeron un grande esforzo para que a xente puidese entender a través da plasticidade os misterios grandes da nosa fe. Logo, no século XX enriqueceuse fronte a outros pobos que sufriron decadencia. E cando ves as procesións dos nenos ves que hai canteira, que se vive con xeito.