A pedra sagrada

La Voz

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

JAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA En Galicia a tradición fixo das rochas un obxecto de espiritualidade e devoción

19 ene 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

De todos é sabido que a nosa comarca posúe un solo granítico, no que afloran esas monumentais formacións rochosas que dan tanta singularidade á nosa paisaxe. Mircea Eliade dicía que nada hai máis nobre nin máis aterrador que unha rocha maxestuosa, ca un bloque de granito audazmente erguido. E así se sinte a pedra en Galicia. O galego, ó sentir tan preto o poder da natureza, outorgou a pedra cualidades sagradas e por iso o culto ás pedras é unha das manifestacións máis fermosas da nosa cultura. Nas pedras están os espíritus dos antergos, tal como acontecía no mundo megalítico, pois era a pedra a morada das almas dos mortos. Esta significación funeraria continuou nos milladoiros dos camiños, como en San Andrés de Teixido, ou daría resposta á costume de colocar pedras a beira das cruces que sinalan mortes súpetas e desgraciadas. E son as cruces chantadas nas pedras sagradas ó que ó cabo dos tempos daría lugar ós nosos cruceiros, pois os seus rituais tiñan que ser cristianizados, xa que doutra maneira sería superstición e sacrilexio, tal como se advertía nos concilios eclesiais. Sen embargo, malia o interese da igrexa por desterrar o culto ás pedras, éste sigueu moi arraigado na conciencia das xentes, a súa raíz estaba moi ben asentada en mitoloxías que se remontan ó principio dos tempos. Por iso aínda existen penedos que esconden tesouros encantados, e cons con poder fertilizante, nos que se deitan as mulleres coa esperanza da fecundación, ou as "pedras furadas", nas que ao pasar varias veces polo seu buraco poden sandar as doenzas. Outras conceden o amor eterno, como a Pena dos Namorados en Ponteareas. E que me din das pedras abaladoiras, que toman o nome dalgunha virxe ou santo, pero nas que o home pide desexos que serán concedidos se é quen de facela abalar.... A Pedra Cabaleira do Grove tampouco está exenta de misterio. Os anos, o vento e a choiva aliáronse para moldeala e darlle presencia escultórica. Foron pedras coma ésta as que inspiraron a imaxinación de tantos artistas galegos. Así o recoñece o que mellor soupo extraer as súas mensaxes, o escultor Manolo Paz, pois como él di a obra de arte xa esta na natureza, na terra, na pedra, só hai que traballala con cariño para así arrincarlle toda a súa enerxía. En Galicia a tradición fixo da pedra un obxeto de espitualidade e devoción, pero sobre todo, en Galicia a pedra é arte.