
XAVIER CASTRO A CULTURA DO VIÑO NA TERRA DO SALNÉS O Caíño é unha das uvas que maior importancia tivo na comarca porque daba moi boas colleitas
09 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Entre as variedades de cepas tintas do país, o Caiño revestiu notable importancia e así o testemuña un refrán recollido en 1905: «Brencellao é Caiño os pais son do viño». En efecto, Huetz de Lemps sinalaba que o «Caiño», cultivado en viñas altas daba boas colleitas polo que foi coñecido antano como o «rei do viño». Outro proverbio popular indicaba que «Algo lle falta ó viño, se non ten a agulla do caíño». Pero esta vide presentaba o inconveniente de que requiría demasiado traballo e isto foi un factor que provocou o su retroceso, constatado entre os anos 1953 e 1966, en que o xeógrafo francés efectuou a súa recollida de datos. Tamén no magno estudio de Huetz de Lemps salientase a importancia que tivo o cultivo da variedade «Brencellao», que tamén se menciona no referido refrán, e non deixa tampouco de referirse ás cepas «Tintarrón» e «Tinta femia». En relación con esta última se observa que ten dado mellores resultados que o «Caiño» por non requirir un traballo tan sostido coma esta. Praga de filoxera A crise provocada pola aparición das pragas de Oídio, Filoxera e Mildeu, que comezou a manifestarse a partires de 1880, supuxo un retroceso das especies autóctonas. Introducíronse daquela cepas foráneas por seren máis resistentes o andazo e tamén por resultaren máis productivas en termos xerais. Deste xeito empezouse a cultivar no Salnés e noutras zonas costeiras de Galicia a variedade tinta «Garnacha». Particular éxito tivo a difusión do «Catalán rojo», que progresaba moi ben cultivado en parra e aportaba uns rendementos moi elevados. Propagáronse tamén considerablemente os pes de «Gran negro», «Alicante» e «Mencía». Esta última se coñecía asi mesmo coa denominación de «Tintilla» en tanto que, en Cambados, chamábanlle «Mansía». Polo demais, acadaron unha notable difusión entre os anos 1953 e 1966, o «Corín», «Jerez» e os híbridos productores directos. Entre as variedades híbridas salientaban: «Folla de álamo» e «Folla redonda». Pedro Rial López apuntaba que as variedades clásicas, como o «Espadeiro» e o «Caiño» se atopaban en franco retroceso nos anos sesenta deixando paso a novas cepas, como «Alicante», «Corín», «Folla Redonda», etc. que eran incuestionablemente máis productivas aínda que os viños resultantes presentaban o inconveniente de resultaren lixeiros. A título ilustrativo, para dar idea do elevado rendemento dos híbridos, indiquemos que a productividade media das cepas híbridas, no período 1953-1966, era de 190 hectólitros por hectárea, cifra que tamén recolle Xosé Posada, se ben M. Rodríguez-Cadarso Cobas, no seu traballo de investigación titulado: «Economía del vino en el valle del Salnés» a sitúa en algo menos: 180 hl/ha. Lembrémonos de que o promedio de productividade das cepas tradicionais era notoriamente inferior; o rendemento da «Espadeiro», por exemplo, situábase en 115 hl/ha. Xosé Posada constataba, no seu coñecido libro Os viños de Galicia, que nos anos setenta adquirira unha grande importancia a variedade tinta «Alicante» e, tras dela, a «Gran negro», «Cachorro», e as vides catalanas.