
XAVIER MONTERO ENTRE A LENDA E A MEMORIA A lenda do abade da Armenteira foi inmortalizada por Alfonso X O Sabio
06 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.No Ceo -e tamén no Inferno- o tempo non se mide coma na Terra, pois alí todo está tinguido de eternidade, e o que no Ceo é o chisco dun ollo no mundo dos mortais poden ser centos de anos. E se non escoiten o que lle aconteceu ao santo fundador do Mosteiro da Armenteira. Foi este home piadoso e moi devoto da Virxe, á que acostumaba pedirlle nas súas plegarias que antes de morrer lle permitise contemplar a fermosura do Alén. Sempre que se vía libre das súas tarefas gustaba de dar longos paseos por unha fraga que se estendía pola ladeira do monte Castrove. Un deses días, extenuado polo longo camiño e por unha dura xornada de traballo -aínda se estaba a construir a igrexa do mosteiro-, sentouse a descansar a carón dun manantial de auga clara como a lúa. «¡Oh Virxe Santa! ¿Cómo será o Paraíso? ¿Cando me deixarás velo, eu que tanto cho roguei?» Nese intre pousouse na póla dunha árbore un paxariño cantareiro. E alí ficou o monxe, extasiado, gozando da amenidade da paisaxe e daquel doce cantar ata que o sorprendeu o solpor. Temeroso da noite crecedeira emprendeu o camiño de volta e no seu andar non atopou cousa con cousa. As árbores non parecían as mesmas, as pontes de madeira trocáranse en pontes de pedra e a igrexa que deixara pouco máis que nos cimentos convertírase nun magnífico templo coa pedra avellentada. Inquedo e desconfiado bateu tremendo no rexio portón e ao seu encontro acudíu un frade que nunca antes vira. «Eu son o teu abade Ero». O xove frade, descrido, levouno xunta os demáis monxes da Comunidade. Reunido o Capítulo consultaron as antigas crónicas do mosteiro e nun manuscrito cheíño de po puideron ler que o primeiro abade do cenobio salira unha mañá a rezar ao bosque e nunca máis se supo dél. ¡Pero disto xa facía máis de douscentos anos!. Decatándose da milagre acompañaron ao seu santo abade a unha celda, namentres na igrexa resoaban cánticos celestiais. Alí, na soedade, logo dun profundo sono, o abade visionario encomendou a súa alma a Deus e denantes do derradeiro suspiro exclamou: «Mil anos na tua presencia, Señor, pasarán coma un intre, nun éxtasis de felicidade; coma o día de onte que brillou un momento e esvaeceuse nas sombras do pasado. Mil séculos na túa presencia, Señor, coma un raio de luz que pasou». Así foi coma San Ero pasou douscentos anos enfeitizado pola beleza verdecente da paisaxe arousana. Anos máis tarde a lenda do abade visionario sería inmortalizada polo máis ilustre dos nosos reis, Alfonso X o Sabio, que así comezaba a súa fermosa cantiga: «Quen á Virxen ben servirá ó Paraíso irá...».