Godot espera por min

La Voz

AROUSA

M. M.

CAMILO FRANCO TESTIGO DIRECTO

23 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

bro a persiana e vexo no horizonte que é o Día do Libro. Hai sol así que penso que estaría ben ir achicando as sombras que ten a colección de libros que sobrevive os diferentes traslados (Da Compostela ó centro, do centro ó centro, e do centro a Vilaxoán). Fago un doble cálculo. Primeiro se o día do libro fose a primeiros de mes podería comprar sete ou oito, pero como é o 23 non me dá máis que para tres. Resignación. Inspecciono. Estaría ben mercar unha edición algo resistente de Esperando a Godot. Beckett sirve para ler e tamén sirve para citar, así que a inversión queda garantida. Tampouco estaría mal mercar as obras completas de Valle, agora que as editaron, aínda que o precio asusta un pouco. Logo penso que con Divinas palabras a cousa para este mes de abril estaría ben. Xa chega de teatro. Insisto na inspección e penso que estaría ben sair de pobres e mercar unha edición de Octaedro que xustifique a supervivencia dos oito relatos de Cortázar. Bótome á rúa calculando que os outros dos libros deberán ser resultado do azar: algo haberá. Entro nas librerías. Valle anda estes días algo desaparecido, quizais porque agora xusto que saíron os dous tomos das obras completas as librerías se concentrarán na súa oferta. Renuncio rapidamente porque é unha pasta. Pero tamén renuncio a Divinas palabras porque por máis que miro non dou con el. O asunto Cortázar tamén presenta certas dificultades. Non vexo tan coñecido volume nin na socorrida edición de Alianza Editorial. Vale, renuncio. Logo penso. Polo menos Beckett. Beckett si. Pero despois de dar algunhas voltas e mesmo de ver algún título que ten semellanzas interesantes, non vexo Esperando a Godot por ningures. Teño o síndrome de quen vai ó súper sen levar a lista feita e acaba sempre mercando unha caixa xigante de galletas campurrianas. Boto contas e penso que é imprescindible aproveitar o 10% de desconto do día dos libros así que miro con tranquilidade e vexo que hai novidades que se poden aproveitar. Escollo entre Vázquez Montabal, Eric y Eneide y Millás, Dos mujeres en Praga. Deixo Millás para máis adiante. Despois miro máis e topo, non sin sorpresa, unha colección de artigos de Alfredo Bryce Echenique, Crónicas perdidas. Busco máis e me decido pola biografía de Miguel Hernández que escribe José Luis Ferris, estará de moda en Vilagarcía en pouco tempo. Como estou cabreado cos franceses merco dous autores xermánicos: Thomas Berhard, Extinción. Y Peter Handke: El chino del dolor. A ver si co seu exempro non cometo máis erros.