
ENTREVISTA | J. Carballo
27 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.?ado en Basauri hai 24 anos, Juan Carballo retomou as súas raigames galegas sendo aínda un pícaro. Hai tempo que reside en Vilagarcía, onde fai vida e obra. Este venres sae á rúa o seu primeiro poemario, Na miña fiestra e outros poemas de andar por casa , froito da súa complicidade coa ilustradora Nuria Díaz e o editor pontevedrés Luís Pérez Poza. Con eles no canistrel, Juan disponse a emprender unha volta ás rías galegas en verso que o levará dende Pontevedra ata Ribadeo. -É unha idea que non sería posible sen a Embaixada Prusiana, a asociación de Cambados, e sen o meu compañeiro embaixador, Juan, que son quenes organizan a volta. Pronto poderemos falar xa de datas concretas. -Ben, falemos, entón, do libro. ¿Por que dende a súa fiestra? -Son 19 poemas íntimos. Non escollín os de máis calidade poética, que habelos hailos, senón os que máis sentín. Poemas a amigos, á miña compañeira, Ana Belén, a un amigo que perdín. Son dende a fiestra porque tento amosar en verso o que vexo na realidade. -¿E como comeza un a facer iso? -Foi como un capricho nun momento de xenreira por cuestións que non veñen a conto aquí. Comecei a canalizalo a través dos versos. Así que coido que se pode dicir que comecei a escribir por un intre de rabia. Logo din o meu primeiro recital o 25 de novembro, na Illa, e saíu ben, así que, como me dixo un amigo, decidín sacar os poemas de casa. -Polo que vexo, hai unha carta adicada a Xesús Alonso Montero... -Si. Home, eu teño bastante trato con el, por cuestións políticas, e todo o traballo en Cidadáns pola República. Non sabía como dicirlle que comezara a escribir, así que agardei a ter algo tanxible e envieille unha das probas do libro. Así, cunha carta, expliqueillo. -¿E gustoulle? -Si, iso me dixo. Gustoulle. De feito, agardo que el me presente en algún dos recitais da volta ás rías galegas en verso. -Non estaría ben rematar sen saber onde poderemos atopar o poemario. -En Vilagarcía, nas librarías Limiar e Arousa; en Cambados, na Cabanillas.