Eduardo Puceiro

ANTÓN MASCATO

AROUSA

O OBSERVATORIO | O |

20 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

SENSIBLE, vibrante, dinámico, actor. Nas súas máis de sesenta intervencións en diferentes obras de cine e teatro, o arousán Eduardo Puceiro foi deixando un mar de estrelas, de pequenas obras mestras. A última queda no seu papel do cura Vicente Barrón, confesor da protagonista de Teresa. Vida y muerte, que gravou con Paz Vega no papel de Teresa de Xesús, a nova gran produción do cinema español. Nacido en Buenos Aires, retorna a Vilagarcía antes de cumprir un ano, residindo alí ata que se traslada por estudos a Santiago. Fundador do grupo de teatro Ítaca, acadou ampla resonancia no teatro galego dos oitenta. Actores como Carlos Blanco ou Manuel Millán, tiveron nese grupo o seu proceso de formación. Colaborador do Certame Audiovisual do Liceo, este coñeceu baixo a súa orientación unha ampla resonancia ao premiaren traballos de Chano Piñeiro ou Juan Pinzás Actor e director de cine e teatro. Formado na Escola Oficial de Cinematografía e na de Arte Dramática de Madrid. Ten participado en máis de sesenta películas e obras teatrais. Entre a súa filmografía destacan producións españolas ou galegas. No teatro salienta o seu traballo de director e produtor, con algunhas das obras versionadas ao galego, como Eclipse total, de Cristopher Hampton, Historia do Zoo, de Albey; ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, un dos grandes éxitos do teatro de Galicia. Foi director do Centro Dramático Galego, no que deixou pegada pola contratación de Mario Gas para dirixir a produción de O mozo que chegou de lonxe, abrindo novas liñas de traballo e dotándoo de infraestutura profesional. Unha traxectoria, a de Eduardo Puceiro, que os organizadores do Certame do Liceo Casino quixeron salientar outorgándolle, a proposta de Carlos Blanco, o Premio Especial a toda unha vida de entrega á Arte da representación. Artista entre os grandes.