A Deputación descarta totalmente ceder o control sobre o entorno do Sanatorio da Lanzada
AROUSA
? Deputación de Pontevedra considera absolutamente fóra de lugar a idea do PSOE do Grove de que o municipio inicie o proceso para recuperar a titularidade sobre o Sanatorio da Lanzada. O organismo provincial considera que a proposta realizada polos socialistas -que pretendían que esa bolsa de terreos pasasen a mans ben do concello, ben dos comuneiros- non ten ningún sentido. En Montero Ríos, os responsables políticos achacan a proposta feita polo PSOE meco a un intento por correr unha cortiña de fume. Ou, de non ser así, a un intento por ocultar que a Deputación está a piques de botar a andar unha das grandes obras pendentes no municipio: a piscina municipal. Este ano consignaron uns 30.000 euros para financiar a redacción do proxecto desa obra. «É curioso que esta proposta non se fixera ata que se aprobaron os orzamentos da Deputación Provincial», explican desde este organismo. Empregando os mesmos argumentos que hai uns días utilizaba o alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, os responsables do organismo con sé en Montero Ríos argumentan que, despois de ter coñecemento das contas e dos plans de actuación para o vindeiro ano a través dos deputados socialistas da comarca, o PSOE do Grove fixo a súa proposta para intentar aproveitar a situación. Os socialistas mecos consideraban que recuperar a titularidade dos terreos da Lanzada resultaría moi beneficioso para o municipio. Segundo dicía hai unha semana Ayda Filgueira, se esa parcela pasase a mans do concello ou, no seu defecto, dos comuneiros, abriríase unha ampla extensión na entrada do Grove na que se poderían colocar os servizos e dotacións que ata o de agora o municipio tantos problemas tivo para encaixar no seu territorio. Despois de coñecer a proposta do PSOE, o alcalde do Grove congratulouse de que «los socialistas empiezan a darnos la razón, porque cuando hablamos de colocar la piscina en Lanzada decían que era un disparate. Ahora parece que les gusta».