Nazón de Breogán

X.A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

20 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

A PRIMEIRA na testa: O de «nazón», que sempre se dixo nación, de Breogán é unha monada. O concepto inicial de nación é unha idea de orixe romántica desenvolvida, inicialmente, por pensadores alemáns: Herder, Goethe que, entre outras motivacións, querían pór de manifesto a existencia dunha nación Alemaña, iso si, naquel tempo sen unidade política. Como xa teño dito aquí mesmo, a nación hai que entendela como unha poboación con lingua de seu, territorio, costumes e historia. A organización política é outro cantar: pode ser nación independente, nación con Estado propio, nación repartida entre varios Estados, nación sen Estado. Os románticos, ao construír o concepto de nación, fixeron unha labor, agora sabemos que fantasiada, de dotación de mitos referidos á orixe nacional, como se ese colectivo agrupado nun territorio, tivera que ter o seu Adán i Eva. No caso de Escocia, por poñer, crearon, como se fose o proxenitor común, a Ossian e, incluso, inventaron sagas literarias que fixeron pasar por creación popular. En Galicia ocorreu o mesmo: adoptouse o mito de Breogán como rei celta -se cadra aquí non houbo celtas, nin tiñan reis- e, ademais, aproveitouse para relacionarnos con Irlanda; terra, que segundo a lenda, se avistaba dende a Torre de Hércules. Esa historia foi recollida, por exemplo, por Eduardo Pondal no seu poema, tan difícil, de sintaxe tan rebuscada, Os Pinos que hoxe é Himno Galego. Nel fálase do fogar e da nazón de Breogán. Pero iso é o que é: un poema que recolle, en figura literaria, tal expresión. Pretender darlle a tal figura literaria a natureza de definición legal é, xa o dixen, unha monada. Non somos a nación de Breogán, non somos unha nación creada pola literatura coma Pueblanueva del Conde. Somos, quéirase ou non, unha nación sen adxectivos. E se lle queren pór un adxectivo só pode ser galega.