Pelando a cebola

X. A. OCHOA

AROUSA

| O |

14 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A HISTORIA recente de España ten similitudes coa da Alemaña: Alá houbo un réxime totalitario que tivo apoio multitudinario ata a derrota na II Guerra Mundial; e aquí, sendo todo como máis cutre, mentres permaneceu no poder Franco, houbo un apoio ao réxime baseado, grosso modo, en anos de desinformación. Ven a conto isto porque estou a ler Pelando la cebolla (Günter Grass, Ed. Alfaguara, 2007), unha especie de autobiografía, na que o autor refírese a ese xeito de vivir sen preguntar o porqué. Conta, por exemplo, cómo foi fusilado, o seu tío Franz e que «á miña familia , sen embargo, faltáronlle palabras, porque non se volveu falar daquel tío subitamente ausente. O seu nome quedou en branco, coma se non existira nunca, coma se todo o que se refería a el e á súa familia fose imposible de nomear». Aquí pasou o mesmo: sobre os mortos das cunetas botouse un manto do esquecemento e non se falou deles. Segue o autor alemán contando que, iniciada a Guerra, el e os adolescentes da súa idade entraran nunha espiral de loubanza patriótica das vitorias militares do seu exército, de admiración dos heroes, sempre con nomes propios, e das fazañas de seu e como, todos eles, aspiraban a formar nese exército invencible, heroico e cheo de palabras como Patria ou Honor... Ata que un día, na praia, en plena euforia, o seu amigo Wolfgang Heinrichs soltoulles, de súpeto: -¡Estades todos tolos! E contoulles, con detalle absoluto, as perdas que estaba a ter o glorioso Exército Alemán na Batalla de Inglaterra e que o que se dicía en Alemaña era unha farsa. Cincuenta anos máis tarde o escritor topou a este amigo e preguntoulle cómo soubera todo aquilo. Díxolle que o pai del fora un antifascista que escoitaba as radios inglesas e que, por iso o sabía. Despois o pai fora detido pola Gestapo, preso, e, entre tanto, di Günter Grass, el sen preguntar os por qué. Talmente coma aquí.