Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os mellores contacontos galegos reúnense en Fexdega con 2.500 escolares

La Voz

AROUSA

29 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Por vez primeira, a Festa da Lingua non se celebrará en Santiago, senón en Vilagarcía. O recinto de Fexdega foi o escollido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para xuntar a 2.500 escolares de toda Galicia que participarán dunha xornada chea de actividades nas que destacan os contacontos que se relatarán na voz dos mellores autores galegos, entre eles, Cándido Pazó, María Souto ou Oswaldo Digón.

A festa vaise celebrar mañán mércores, e aproveitando este acto, faráse entrega tamén dos premios Frei Martín Sarmiento de literatura infantil e xuvenil, que este ano serán para Concha Blanco, por Poemas para pintar; Gloria Sánchez, por Dez piratas ; An Alfaya, por Zoa e Azor , e Domingo Villar, por Ollos de auga . O acto terá lugar ás 11.30 horas, e serán a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, e a secretaria xeral de Política Lingüística, Mari Sol López, as que fagan entrega dos galardóns.

Os premios Frei Martín Sarmiento naceron da man da Comisión de Normalización Lingüística de Centros Relixiosos, da que forman parte 125 colexios de Galicia. Os alumnos de 32 deses centros foron os encargados de elexir as obras que, ao seu entender, destacaron nesta edición. En total, foron 5.300 rapaces os encargados da selección.

O que naceu inicialmente coa finalidade de facilitar ao profesorado a selección das lecturas máis axeitadas para o curso segundo o gusto dos alumnos, rematou sendo un excelente xeito de promocionar a lectura en galego entre os máis novos.

Logo da entrega de premios, os escolares que se achegarán a Vilagarcía dende distintos puntos de toda Galicia participarán nos parladoiros que se desenvolverán a partir das 12.30 horas, e nos que os nenos compartirán experiencias cos escritores galardonados. Seguidamente haberá contacontos, inchables e outras actividades lúdicas, ata as 17.30 horas.