O Cambados Tenis de Mesa acode ao Zonal Norte cunha nutrida representación

La Voz

AROUSA

05 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Quince rapaces da canteira do Cambados Tenis de Mesa concentran esta fin de semana a atención do club arousán. Baixo a dirección de Karol Hasek e de Ñajo Padín, as promesas do tenis de mesa da vila do albariño buscan desde mañá e ata o luns unha das prazas de acceso para o Campionato de España Individual no Torneo Nacional-Zona Norte.

A expedición cambadesa está integrada polos benxamíns Paula Padín, Andrea Chaves, Alba Martínez, Iván Lois e Rafael Vilas; polos alevíns Raquel Martínez e Martín Regueiro; pola infantil Cristina Barreiro; e polos xuvenís Eduardo Barreiro, Fernando Padín, Rubén Lois, Tomás Carbajal, Pablo Regueiro, Gema Cores e Marta Barreiro.

O acceso ao Campionato de España pasa por rematar entre os oitos primeiros clasificados de cada unha das categorías masculinas e femininas. Desde o Cambados TM poñen as súas maiores esperanzas nas persoas de Iván Lois, no cadro benxamín masculino, Raquel Martínez, no alevín feminino, Martín Regueiro, no alevín masculino, Gema Cores, no xuvenil feminino, e Eduardo Barreiro e Fernando Padín, no xuvenil masculino. Os dous últimos, coa dificultade de atoparse en pleno cambio de categoría. Os benxamíns, pola súa banda, disfrutarán da súa primeira participación nun torneo de nivel nacional.