Aqueles xantares de Carril que se daban no Beiramar

AROUSA

Seso Giráldez lembra os tempos seus no restaurante máis animado dos primeiros 60

24 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe, o Beiramar vén de recuperar o nome co que o restaurante abrira as súas portas en Carril, aló por 1960. Pero será difícil que volvan as animadas veladas que o local celebraba cando eran Seso Giráldez e a súa dona, Otilia, quen puñan o lume nos fogóns e a arte na conversa atrás da barra. «Aquilo -lembra o veterano político socialista- era unha boa casa de xantar para amigos; faciamos as festas pensando máis en pasalo ben ca en facer cartos».

A imaxe que acompaña estas liñas demostra que, aínda que o marisco estaba moi a man, ninguén no Beiramar rexeitaba a perspectiva de meterlle o dente a un cocido como Dios manda. O propio Seso asómase ao faiado cun lacón ben agarrado mentres Seso Abelenda remexe no pote, nunha escena presidida por unha restra de chourizos.

«Había bo marisco, si, pero o marisco do porco tampouco está nada mal; do porco a min gústame ata a conversa», proclama o protagonista máis novo da fotografía, cedida para o fondo documental que promove a Concellería de Cultura de Vilagarcía por Marisa, unha das fillas de Abelenda. Giráldez, por certo, lembra do seu tocaio, e daquela tamén compañeiro de mesa, o ser persoa principal en Carril. «Era moi coñecido, dunha familia de marisqueiros de sempre, con viveiros, unha familia con posibles, que se dicía entón; Seso tiña, ademais, moito sentido do humor».

O Beiramar gozaba dunha abondosa clientela do lugar, que no verán medraba cos visitantes chegados de Madrid. Malia todo, logo de tres anos Seso e Otilia deciden vender o negocio ao propietario do mesmo edificio no que se abría o restaurante. Non eran tempos nos que o pensamento desafecto ao réxime puidese, precisamente, saír á luz pública. Mais iso non impedía que no inquedo local non se falase de política. «A verdade é que tiña a case toda a clientela en contra; eran xente de cartos e, claro, todos eran de dereitas; non fun quen de convencer a ningún». O contou mudou despois, pero esa é outra historia.