Ao termo do acto de entrega da medalla de ouro, Antón Paz adiantou os que serán os seus novos retos deportivos a curto prazo.
Logo de participar en parte do trazado da Volvo Ocean Race, o regatista vilagarcián loitará a finais de agosto xunto con Fernando Echavarri por conquistar o que sería o seu terceiro título mundial da Clase Tornado despois dos de La Rochelle 2005 e Cascais 2007. Para entón Paz e Echavarri saberán xa se o Tornado entrará no programa dos Xogos Olímpicos do 2012, ou ben desaparece del como é nestes momentos a intención do Comité Olímpico Internacional. De caerse do programa, o deste ano sería o derradeiro Mundial Tornado de Paz.
Xa en setembro, Antón acompañará o seu irmán Carlos e o resto da tripulación do Vilagarcía á caza do título mundial da Clase Platú 25.