Un currículo acompañado de nomes como Berlanga e Banderas, e traballos en éxitos de cine e de televisión
AROUSA
Desde que en 1987 participara na serie sobre Lorca, Manu Millán actuou nunha vintena de series e de miniseries de televisión, outras tantas películas para o cine e sete curtametraxes. Ademais de en Bajarse al moro , onde coincidíu con Banderas, Echanove e Forqué, o actor vilagarcián tivo pequenos papeis en longametraxes coma Las cartas de Alou , de Moncho Armendáriz, Ay Carmela , de Carlos Saura, Justino, un asesino de la tercera edad , París Tombuctú , dirixida por un mito como Luis García Berlanga, a que fora seudo secuela de Airbag , Año Mariano , ou O Lapis do carpinteiro . Películas na súa maioría multi premiadas, que alternou con participacións máis ou menos extensas en grandes series de televisión coma Ay señor, señor , Villarriba-Villabajo , A familia Pita , La casa de los líos ou Hospital Central .
Os famosos, compañeiros
Nos seus numerosos traballos Millán coincidíu con moitos dos grandes actores españois. E desa experiencia pode dicir con coñecemento de causa que «o de famoso é algo que atribúe o público. Entre a xente do gremio os grandes nomes son as persoas máis normais que te podes atopar, e tratámolos coma uns compañeiros máis».
Inda que é máis coñecido pola súa faceta no cine e na televisión, Manu recoñécese máis como actor de teatro, do que se sinte namorado «pola maxia do directo. Gústame oír o ruído e as risas do público».
Pendente de ver estreada A casa da luz , película do 2008 afectada pola crise que, lamenta, pegou de cheo na televisión e, sobre todo, no cine, Manu vai rodar en xullo unha longa en Madrid, onde vive a maior parte do ano. El pisito , obra de teatro sobre texto de Azcona e con Teté Delgado e Pepe Viyuela no reparto, ocúpao desde agosto do 2009 por España adiante, mentres agarda desde hai catro anos con certa dor algunha oferta de Galicia.