Os Tobío cimentaron a súa empresa na emigración a Madrid
20 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Unha soa decisión pode cambiarlle a vida a calquera. No caso de Benedicto Tobío Feijoó a súa existencia quedou marcada cando aos 18 anos decidíu buscarse o porvir terra adentro no canto de embarcarse non sabe xa moi ben se na mariña mercante ou como un dos moitos pescadores que saíron da ría de Arousa. É un detalle ese do que xa non se acorda. Acompañar a súa hoxe muller Esther a Madrid na procura dun futuro mellor foi a opción finalmente elixida por un home que non se resignaba ante a falta de oportunidades que lle deparaba o seu contorno.
«Aquí gañábase pouco», lembra este valgués nacido no lugar de Vilar 66 anos atrás e que atopou na automoción o camiño dunha exitosa traxectoria empresarial. Nin por un asomo, confesa, imaxinaba ata onde podía levalo o seu espírito emprendedor cando con 14 anos ingresou como aprendiz de mecánico nun taller de camións en Padrón. Á fronte do grupo Seat Tobiauto, Benedicto é hoxe a cabeza dunha firma con tres centros de traballo en Catoira, Vilagarcía e Lalín, con 8.500 metros cadrados de instalacións e 40 traballadores vivindo do negocio da venda e da postvenda de vehículos como concesionario da Seat.
Logo de pasar por varios talleres na comarca, Benedicto trasladouse a Madrid con 18 anos como mecánico de camións. Alí aprendeu pronto a mecánica do automóbil, e con só 24 primaveras arriscouse a montar un taller propio cun socio capitalista. Só dous anos despois, o galego voaba por si só, sen compañía.
Antes probou coa froita
Proba do arrinque deste fillo de autónomo pluriempregado, vástago dun canteiro que vivíu tamén do marisqueo e da terra, foi a froiteiría que pouco antes da apertura do seu primeiro taller montou Benedicto, tamén con socio. A aventura durou só «oito ou nove meses. A froita non era o meu».
Debaixo dun capó era onde se sentía máis cómodo. E o seu esforzo e dedicación permitíronlle ir subindo chanzo tras chanzo. Dun negocio de 200 metros cadrados sen máis empregado ca el mesmo non tardou en dispoñer de dous talleres propios con media ducia de asalariados, ao que anos despois engadiría unha participación nun centro de vendas no Centro Comercial La Vaguada. Pero a terra tirou de volta.
O nacemento da terceira dos seus catro fillos, Rebeca, trouxo de novo a Tobío e a súa familia a Galicia a comezos dos 80. Concretamente, a Catoira. «Voltamos para fuxir do axetreo de Madrid, buscando tranquilidade. E se non tivesemos vendido o piso de Madrid antes de regresar, teriamos volto para a capital», desvela. E é que «a adaptación foi moi custosa. A xente entón era aquí moi desconfiada, non como agora». Iso, máis ca dureza de labrarse unha boa carteira de clientes, endureceu a apertura do taller fronte a rotonda de acceso á ponte a Rianxo, cos seus 840 metros de local e 300 de exposición.
Hai uns 15 anos Benedicto vendeulle a un irmán os seus negocios en Madrid, e desde o 2003 Rebeca acompáñao na empresa familiar, na que se encarga da publicidade, e das relacións cos proveedores e Seat, marca da que Tobiauto é concesionario.
«Empecé sentada con mi padre, escuchándole, y poco a poco fui aprendiendo cosas». E se ben Benedicto non semella moi disposto a xubilarse a súa filla vaise mentalizando para relevar o proxenitor nunha empresa que, di Rebeca, funciona máis polo traballo en grupo de todos os seus integrantes que por unha persoa.
Superar unha crise que por sorte non notaron con forza ata este ano é o reto da saga Tobío. «Va a ser difícil, pero hay que mantenerse», sentenza Rebeca.