Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Amanecer encabeza cun 6-2 ao Centro Penitenciario A Lama unha xornada de goleadas

vilagarcía / la voz

AROUSA

26 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Se algo non faltou o pasado sábado na novena xornada das Ligas de Fútbol de Veteráns de Pontevedra foron os goles. E as goleadas. A maioría delas, con sinatura arousá.

No Grupo 1, a División de Honra, o Amanecer cebouse co Centro Penitenciario A Lama: 6-2. Un resultado de suma importancia para o conxunto grovense, ao permitirlle igualar a 8 puntos cun rival directo na zona de perigo da clasificación -o Amanecer é cuarto pola cola-. O partido da xornada foi pola contra o que enfrontou a Vilagarcía e Mecos, con triunfo deste último por 1-2. O Vilalonga emulou o seu veciño, gañando a domicilio o Estradense, 0-2. O Mecos é cuarto con 14 puntos, a 6 dos colíderes, Poio e Netos da Coca, o Vilalonga é noveno con 12 e o Vilagarcía decimoterceiro con 9.

O Albariño mira cara arriba no Grupo 2, no que agora é terceiro con 17 puntos, a 3 dos colíderes, San Adrián e Rápidos de Xeve. Un posto de honra sobre un 5-1 a costa do San Pedro Bar Lezama -duodécimo con 12 puntos- o pasado sábado. O Xocas Café Bar, cuarto con 16 puntos, endosoulle un 0-3 ao Campelo. Pero o resultado máis abultado da xornada foi o 0-6 co que o Hierros Arousa voltou do campo do Construcciones M. Herbello e que lle dá a oitava posición (13 puntos). Outros marcadores: Rápidos de Xeve 4-1 Cambados -sexto, 14 puntos-, e Caleiro 2-2 Soho Coffe, noveno e décimo con 11 puntos. O Sisán descansou, e é cuarto por orde inversa na clasificación (9 puntos).

No Grupo 3, estes foron os marcadores dos equipos do Salnés e do Baixo Ulla: Boa Vila Barrantes 0-3 Combarro, Fortuna San Martín 2-1 A Lama, Cralem Nós 1-1 Meaño, Cafetería Vilariño 3-3 San Andrés de Placeres, Joyería Riveiro 0-2 Samieira, Dena 1-0 Bora Comesano, Bar Gento Abalo 0-1 Castañal, e Castrelo 2-4 Burgo. Nunha liga dominada polo Samieira (18 puntos), o San Martín é quinto (16), Meaño sétimo (14), Bar Gento noveno (14), Boa Vila décimo (14), J. Riveiro undécimo (13), Dena duodécimo (12), Vilariño decimocuarto (11) e Castrelo penúltimo (3).

O Catoira pecha o Grupo 4 con 4 puntos logo de caer 1-0 co Arcomar; e no 5, triunfos do Fátima ADV -terceiro con 19 puntos, a 3 do líder, o Sanxenxo-, 1-4 en Monteporreiro, e do Salud Veteranos -antepenúltimo con 6-, 4-3 sobre o Persianas Galisur.

E no Grupo 6: Centro Cultural Vilalonga 6-1 Los Pumas, Pontearnelas 3-1 Peña Racing, e Peña Bora 4-0 Armenteira. O Bodegón é líder con 23 puntos, co Pontearnelas noveno (13 puntos), o Vilalonga decimocuarto (9) e o Armenteira decimosexto (7).