«O sector está desnortado, non hai ideas para saír desta crise»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Iglesias di que nin confrarías nin Administración están a dar respostas

09 jun 2013 . Actualizado a las 06:57 h.

francisco Iglesias expatrón maior do grove

Despois de vinte anos á fronte da confraría do Grove, Paco Iglesias ven de presentar a súa dimisión. Fíxoo o venres diante da Xunta Xeral, e onte compareceu diante dos socios, en asamblea. Foi «para dar a cara. Sempre o fixemos, e non imos deixar de facelo no último momento».

-¿Vaise coa «frente marchita»?

-Marcho coa tranquilidade de saber que a fronte da confraría queda xente con moita experiencia. Xente moi seria e responsable que vai seguir a traballar coma sempre. E coa certeza de que a miña marcha non vai ser motivo de que pase nada raro... ¿Coa frente marchita, dicía a canción?

-A canción falaba de volver, e vostede marcha vinte anos despois...

-E eu creo que xa botei uns cantos anos de máis. Se as circunstancias fosen outras, tería que telo deixado hai xa tres anos. Pero por solidariedade, e tamén pola presión dos compañeiros, decidín seguir. Pero agora estou nunha etapa persoal e profesional nova, e penso que tamén teño dereito a ela.

-Marcha lonxe, para Perú. ¿Tan mal está o mar?

-A nivel profesional e económico non é que tivera problemas especiais. Pero a verdade é que aquí as cousas non están para tirar foguetes, nos últimos anos produciuse unha baixada moi importante da rendabilidade da pesca, e iso tamén axudou a que a decisión final fose a que foi. Pero houbo outros factores, de carácter persoal e profesional. Xurdíu unha posibilidade de iniciar unha nova etapa en Perú, que é o país da miña muller, e decidimos aproveitala.

-Xa botou uns meses fóra. Hai quen di que deixou o barco sen patrón...

-Cónstame que non é o mesmo que estea o responsable directo da confraría no día a día, ca que non estea. En calquera caso, foi unha situación de catro meses nos que se demostrou que a miña falta non influíu para nada na xestión da confraría, e esta estivo sempre ben representada en todos os foros e reunións aos que foi chamada. Lola [Dolores Gondar, a vicepatrona] apoiouse no equipo que hai aquí e todo o mundo respondeu.

-¿Queda o mar revolto?

-Agora mesmo, eu penso que as confrarías están sen dirección. Non hai obxectivos comúns e a Federación Galega non funciona. Na Administración, polas razóns que sexa, non hai con quen falar. Aos problemas económicos que hai, nin as confrarías nin a Administración teñen capacidade para darlle unha resposta. O sector está desnortado e non hai ideas para saír desta. Iso non quere dicir que outros as teñamos ¿eh?

-Fagamos balance.

-Eu creo que é positivo. No ano 1993, cando entramos na confraría, no porto do Grove os barcos quedaban varados enriba das pedras. Conseguimos o dragado, e hoxe por hoxe debemos ter o porto de baixura de Galicia con máis liña de atraque. Tamén se fixeron as casetas para uso dos mariñeiros, que dan un servizo moi importante malia a polémica que houbo no seu día... Foron vinte anos... fixéronse moitas cousas, loxicamente. Toda a modernización da lonxa... E agora a Deputación vai reconstruír o edificio da confraría.

-Á marxe das infraestruturas, ¿cambiou a imaxe dos patróns maiores?

-Nos noventa, as confrarías en xeral cambiaron. Nós tamén, e nalgunhas cousas fomos pioneiros. Por exemplo, tivemos claro desde o minuto un que as mulleres tiñan que estar dentro dos órganos de goberno da confraría, como socios de pleno dereito que son. A verdade é que en todo este tempo o marisqueo experimentou un cambio moi profundo, percorreu un longo camiño. No Grove, as mariscadoras son profesionais desde hai anos, cun salario por riba do mínimo. Hai cincocentas persoas traballando nas praias, co que iso significa nestes tempos.

-Houbo unha época na que vostede foi o «neno bonito» do mundo das confrarías. Un referente ao que miraban todos os partidos políticos....

-Naqueles momentos moitos patróns recibiron propostas para ir en distintas candidaturas. Eu creo que, ao longo destes vinte anos, todos os partidos políticos me chamaron para ir nas súas listas. A min a política atraíame, pero sempre me pareceu que non era fácil chegar a ocupar un cargo e poder facer as cousas con honestidade. Así que o deixei de lado, preferín traballar desde á confraría, onde non había ningún tipo de presión. Á vista está que se poden facer moitas cousas sen estar en ningún partido político ou sen ocupar ningunha concellería... Nós dende a confraría, conseguimos moitas infraestruturas para O Grove.

-Pero houbo conflitos como o do porto deportivo da Toxa...

-Nós opuxémonos frontalmente a aquel proxecto porque era unha aberración, pero ao propio Cuiña, daquela conselleiro, a nosa postura pareceulle razoable. E ao final, a proposta de porto deportivo para O Grove que a propia Xunta considerou máis viable foi a que presentou no seu día a confraría. Sempre actuamos con moitísima responsabilidade e tivemos unha traxectoria bastante acertada, con menos erros que outros.

«Creo que dende a confraría sempre actuamos con moita responsabilidade»

«Nestes anos, todos os partidos políticos me chamaron para ir nas súas listas»

«¿Por que faciamos política? ¿Por dicir o que algúns non querían escoitar?»