O actor Carlos Blanco exercerá este mediodía de pregoeiro na Festa do Viño Tinto do Salnés. Será a iso das 13.30 horas, unha vez rematada a investidura dos novos valedores de Orde do Tinto que vai ter lugar na Carballeira de Barrantes. O vilagarcián coñece ben a festa, por iso tivo unha mira con ela e aceptou a invitación.
-¿Viño ou cervexa?
-Viño.
-¿Tinto ou branco?
-Tinto.
-¿Furancho ou restaurante?
-Restaurante, que pagan impostos.
-Agora os furanchos tamén, que xa son legais...
-Pero seguen gustándome máis os restaurantes.
-Xa postos en disxuntivas, ¿monarquía ou república?
-Monarquía sideral.
-¿Vai sacar o tema no pregón?
-Obviamente algo direi, pero non é o tema.
-Seica é o único pregón que da este ano, ¿por que?
-Porque o considero un acto absurdo, no que alguén que non coñece a festa vaille falar á xente da súa festa. Ademais, ao pregón ninguén lle fai caso, a cuestión é ir comer.
-Penso que desta volta si que van seguir atentamente a súa intervención pero, en todo caso, ¿a que vai logo?
-Pedíronmo insistentemente e porque era unha festa que lle gustaba moito ao meu pai. Pero vou sen cobrar, iso está ben que se saiba.
-¿Quedará á comida oficial?
-Non me dixeron nada, pero non quedo. Tampouco me sinto cómodo entre capas, castas e autoridades.