«Deslumbrada, deslumbrada por tanta árbore». Así confesou sentir Nélida Piñón onte o primeiro alento do bosque das palabras, o fermoso proxecto que a familia Piñeiro vén de facer agromar no pazo Quinteiro da Cruz. Entre portentosos carballos centenarios e eucaliptos que semellan querer tocar o ceo, a dama das letras, cun pe no Brasil e outro en Galicia, trazou na cortiza dunha árbore as verbas que agariman a partida de nacemento desta nova «república dos soños»: «O bosque dos poetas, de todos que consagran a aventura humana», escribiu unha das máis fortes valedoras da lingua dos galegos, que viña de ser nomeada o sábado membro de honra da Real Academia Galega.
Repousar en Quinteiro da Cruz «é un privilexio», proclamou Nélida logo de plantar da súa man un exemplar de Jacaranda, árbore brasileira que florece en primavera. «Traballei para este privilexio, pero tamén tiven sorte», recoñeceu a escritora entre amigos. Os Piñeiro, coma anfitrións, o sociólogo Miguel Cancio, o editor Afonso Ribas e a súa dona, Salomé Álvarez, vicepresidenta no seu día do Parlamento galego polo BNG... E unha copa de Quinteiro da Cruz, albariño que dende agora acompañará ao Martín Códax nos brindes do Brasil.