O xogador do C.X. Fontecarmoa suma 4,5 puntos de 5 posibles, os mesmos que os tres Grandes Mestres que o suceden na clasificación
29 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O xogador sanxenxino do Club Xadrez Fontecarmoa Julio Suárez cruzaba na tarde de onte o ecuador do Torneo Internacional Memorial Ramón Escudeiro Tilve de Pontevedra no máis alto da clasificación, nunha cita que na súa cuarta edición pegou un gran salto de calidade, coa participación de media ducia de Grandes Mestres e case dúas decenas de titulados.
Tras cinco partidas, dun total de nove, Julio Suárez suma 4,5 puntos logo de completar a dobre xornada de onte cunhas rápidas táboas fronte ao Gran Mestre letón Ilmars Starostits. Un resultado sen dúbida positivo, pola entidade do rival, número 6 no ránking de partida do torneo pontevedrés, un posto por riba do sanxenxino, pero tamén polo feito de que a estrela do C.X. Fontecarmoa xogase con negras.
Suárez arrincaba o Internacional Memorial Ramón Escudeiro o domingo pola tarde cun triunfo, tamén con negras, sobre Antonio Mondelo Fidalgo, número 89 do ránking inicial. O cadro de competición resultou benévolo de primeiras con Julio Suárez, que nas súas tres partidas seguintes se medíu a Manuel Carballo Cancela (número 50 do ránking), o seu compañeiro do C.X.F. Héctor Laiz Ibáñez (número 22), e Carlos Álvarez Serrano (30), todos eles de nacionalidade española.
Hoxe tocan as partidas sexta e sétima, con Julio Suárez partindo no máis alto da táboa clasificatoria cos mesmos 4,5 puntos que os Grandes Mestres Starostits, o arxentino Alejandro Hoffman e o israelí Michael Oratovsky. Ao peche da presente edición a organización inda non fixera públicos os emparellamentos da sexta rolda, pero pola puntuación ao sanxenxino tocarálle medirse a Hoffman ou a Oratovsky, coas pezas brancas do seu lado do taboleiro número 1.