Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Antón Paz embarca nunha nave rusa en trámites para acudir a Río

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Antón Paz, no centro cos tripulantes do Nacra 17 que adestra.
Antón Paz, no centro cos tripulantes do Nacra 17 que adestra. cedida< / span>

Do barco á lancha: O campión olímpico dirixe a primeira tripulación eslava de nacra na criba final de palma

24 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Paz Sailing Team será, por primeira vez en sete anos, un dos grandes ausentes do Trofeo Princesa Sofía. Concluído sen éxito o seu asalto á praza española de 49er no programa olímpico de Río, Carlos e Antón deron por rematada a tempada tras o Mundial disputado o pasado mes de febreiro en Clearwater, Estados Unidos. Mais na gran regata de regatas española de clases olímpicas veremos a un Paz Blanco, e ademais, pelexando por unha praza na inminente nova edición dos Xogos.

Concretamente, polo último pasaporte en xogo para os países europeos na clase Nacra 17, a única mixta do programa olímpico, cos rusos Sergey Dzhienbaev e Daria Ivanova loitando por ela como tripulación de referencia do seu país e con Antón Paz como adestrador.

O tripulante do Paz Sailing Team comentaba onte desde Palma que «coñecía a Sergey da miña etapa no Tornado, e Fernando Echavarri -o seu patrón no barco no que o vilagarcián se colgou o ouro nos Xogos de Pekín 2008- adestrounos ata que el mesmo desembarcou no Nacra», clase na que o excompañeiro e amigo de Antón pelexa por representar a España en Río co Princesa Sofía coma proba do proceso selectivo.

Tras adestrar o equipo neozelandés de Nacra un par de concentracións de dúas semanas no 2014 e no 2015, sumándolles unha tripulación brasileira e unha holandesa nas augas de Río en decembro do 2014, Antón traballou co barco ruso do 5 ao 17 deste mes en Palma, centrándose na escolla de material e o seu acomplamento. No proceso asinaron o cuarto posto na Training Camp, a regata de preparación empregada por moitos dos participantes no Trofeo. Onte Antón voltou a Mallorca para ultimar a pelexa pola praza a Río, que se dirimirá do luns ao sábado da vindeira semana. Con Portugal, Suecia, Mónaco, Noruega, Bélxica e, sobre todo, Grecia, coma rivais, e con España, Holanda, Gran Bretaña, Alemania, Francia e Dinamarca xa clasificados.