O Teleclube de Cordeiro lembra hoxe, ás 19 horas, ao histórico rexedor de Valga
07 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • 19 horas • Teleclube de Cordeiro • O edificio no que se atopa o Teleclube de Cordeiro ten case cen anos de historia. O que naceu como sede do Sindicato Católico Agrario é agora a base dun colectivo veciñal que esta fin de semana rende homenaxe a Celestino Carbia, o alcalde republicano de Valga que foi asasinado no ano 1937. O presidente do Teleclube, Manuel Carbia, é o neto daquel home, que foi xulgado e condenado a morte polo réxime franquista. O seu crime -pensar diferente, ser membro da Frente Popular- foi castigado no penal de San Simón e no de San Cristóbal. Tentando fuxir deste e do seu funesto destino, foi descuberto «mentres bebía nunha fonte» e morreu, parece ser que dun tiro polas costas. O seu corpo nunca foi recuperado. «Segue nos montes de Pamplona», di o seu neto. Hoxe réndeselle homenaxe, ás sete da tarde, cun acto no que falarán Margarita Teijeiro, Raúl Soutelo e o seu neto Manolete Carbia. Ademais proxectarase o vídeo «Illados», sobre o penal de San Simón. O domingo, ás 13.30 horas, haberá un acto no cemiterio de Cordeiro.