Tres títulos e media ducia de podios galegos do Kennel Den

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A catoirense Mónica Touriño fai dobrete en canicrós sénior feminino e na novidosa proba de relevos

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres títulos, un subcampionato e dous bronces. Esta é a colleita que o pasado sábado trouxeron consigo de Boborás os sete mushers do Kennel Den catoirense do Campionato Galego de Mushing Terra Esprint. Unha cita que ao canicrós e ao bikejoring engadíu coma novidades as modalidades de patín e de relevos.

A catoirense Mónica Touriño, o vilagarcián Kiko Martínez e o vigués Óscar Piñeiro encabezaron o medalleiro do Kennel Den. Touriño, colleitando un novo título de canicrós sénior feminino con Nepal coma compañeiro. Antes, en patín, proclamárase subcampioa con Caramelo e con Fly nunha proba na que Kiko Martínez foi cuarto con Lara e con Tíbet. E en relevos, unha carreira que inclúe tres postas nun circuito duns 2.500 metros, Mónica Touriño estreou o palmarés histórico galego relevando con Nepal no segmento de patín a Óscar Piñeiro e Argos no de canicrós -do que foron campións en Boborás- e dando paso ao pontecesureño José Miguéns e Sultán no treito final de bikejoring. Kiko Martínez/Polo, Noelia Piñeiro/Gala e Javier Hidalgo/Roni foron bronce en relevos. O mesmo posto do podio este último que con anterioridade pisaran Martínez e Polo na categoría de canicrós veterán.