
O grupo de música tradicional presentará mañá en Vigo o seu disco «Inda canto»
12 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.O Teatro Afundación acollerá mañá, ás 21.30 horas, un concerto de Treixadura no que presentará o seu novo disco, Inda canto. Toniño López é un dos membros fundador da formación tradicional.
-¿Por qué este nome?
-Despois de 28 anos aínda temos cousas que dicir e ganas de cantar e pasalo ben. Por outro lado, refírese tamén ao noso país, porque temos unha cultura que ten moito que dicir, malia a presión que exerce a globalización sobre as culturas autóctonas. O título tamén é un agradecemento á xente que segue ao grupo e canta con nós.
-¿Está é unha das singularidades de Treixadura?
-Si, se ten algo Treixadura é que a súa música é entendida polo público moi rapidamente. Os nosos concertos son unha conxunción de temas populares, algúns inéditos e outros clásicos, pero outros son compostos por nós, e a xente cántaos coma se fosen tradicionais. Para nós é un orgullo.
-¿Ese obxectivo estivo sempre presente?
-Si, sempre foi unha das metas do grupo, beber da música tradicional e, ao mesmo tempo, servir de eixe para que a cadea non rachase.
-¿Como é o proceso de composición?
-Normalmente, Pablo Nogueira é quen achega máis música. Despois facemos unha selección e estudámola, ata que a rematamos. A selección facémola en función do que consideramos que é o grupo. Non é doado porque, moitas veces, hai que compensar o disco para que non teña, por exemplo, músicas moi líricas e que non se incline cara a ningún lado. Que teña un pouco de todo.
-¿Hai algunha novidade na composición do grupo?
-Este disco leva un tema dedicado a Mingos Lorenzo, un dos compoñentes do Orfeón que faleceu hai un ano, e tivemos que integrar a outro cantante. Nos tenores tivemos unha baixa que suplimos co fillo dun dos gaiteiros, que contrasta moito na formación debido á súa xuventude. É Anxo Xesteira. Con el está chegando a Treixadura o cambio xeracional.
-¿É a posta en escena?
-Treixadura é un grupo de gaiteiros e, dende o principio, subimos ao escenario co traxe tradicional. Hoxe en día está isto moi asumido, pero cando nós empezamos, subir cinco músicos co traxe tradicional ao escenario estaba case que mal visto.
-¿Como vai ser o concerto de Vigo?
-Vai ser unha festa porque imos presentar practicamente todos os temas do disco e remataremos cos clásicos. Estou seguro que a xente vai acabar de pé.
-¿Mantense a música tradicional na actualidade?
-No noso caso si se mantén. Estamos a abrir un camiño nas comisións de festas. Estanse dando conta de que conxuntar unha orquestra con nós non é para nada incompatible. Esta música, se é música popular, ten que caber nunha verbena.