
A cantautora meca Carolina Rubirosa actúa esta noite en El Patio, no Grove
03 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Maila que leva oito anos vivino na Coruña recoñece Carolina Rubirosa que se sinte moi meca e que precisa de cando en vez sentir o agarimo e o recollemento do seu pobo. Esta noite sentirá ademais os seus aplausos.
-Que presentarás desta volta?
-Vai ser un concerto de terraza, de verán, no que estarei acompañada polo guitarrista Rafa Otero. Faremos unha primeira parte máis intimista e despois xa haberá que levantar a xente.
-Con repertorio propio ou prestado?
-Intercalarei ambos. Farei temas meus, adiantarei algúns do que irán no meu primeiro disco e haberá versións. Pero personalizadas e levadas ao meu terreo. Gústame sorprender ao público. Cancións como Ni tú ni nadie de Alaska ou I still haven’t found what I’m looking for de U2 soarán case desnudas. Só melodía e voz.
-Para cando, entón, ese disco?
-Agardo que sea este ano. Aínda estou compoñendo e vou gravando aos poucos no meu home studio. Despois iremos facer a masterización a Abbey Road.
-Xa coñecemos algún adianto, como «Sozinha». Será esa a liña?
-Non (rise). Ao final Sozinha vai quedar como a rareza do disco. Quero que sexa un disco variado, que sorprenda. Non me gustan os discos nos que soan igual dende o primeiro ata o último tema. Sozinha saiume en clave de bossa pero outros soan a pop noventeiro ou a folk setenteiro... Hai temas en galego, en castelán e en inglés. Vai ser unha especie de Álbum Blanco, no que van quedar recollidas todas as miñas influenzas. Non me vou cortar.
-Ten algo que ver co que fas en The Funkles, onde eres guitarrista e vocalista?
-Nada en absoluto. Non me gusta encasillarme nin facer só un estilo de música. En The Funkles teño que facer escoitar a miña voz no medio dunha banda moi potente. É outro rexistro diferente.
-Cando saia o disco, presentaralo coa túa propia banda?
-Niso estou, si.
-Sen deixar The Funkles?
-Cada vez é máis difícil manter The Funkles porque todas temos proxectos paralelos e mesmo vivimos en distintas cidades. Pero o grupo encántanos e seguímolo pasando moi ben, así que mentres haxa esa ilusión intentaremos seguir adiante.
-Actuar no Grove é especial?
-Moitísimo. Iso de que ninguén é profeta na súa terra case sempre é verdade. Pero non no meu caso. Eu síntome moi querida e recoñecida e contan moito conmigo. Haberá que estar á altura.